A «Paixón» de todo un pobo

LUGO

Máis dun cento de veciños de entre 3 e 90 anos porán en escena os últimos días da vida de Xesús, o venres 19 en Antas de Ulla, e o domingo 21 en Monterroso

18 abr 2019 . Actualizado a las 19:20 h.

«Ás veces, unha pequena idea convértese nunha historia grande». Así presentan e así resumen as parroquias de Antas de Ulla o seu gran proxecto comunitario: a representación teatral da Paixón. Este é o segundo ano que os veciños da comarca levarán a cabo esta iniciativa e, nesta ocasión, a posta en escena será máis ambiciosa e máis emotiva. Tralo avance que ofreceron o pasado venres día 12 na Catedral de Lugo, convidados pola Diócese, o venres 19 actuarán en Antas, ás 21.00 horas, e o domingo 21, en Monterroso.

O xerme deste proxecto está na tradición cultural, musical e teatral de Antas, e na idea que se lanzou desde a parroquia, da que se encarga o sacerdote Xabier Diéguez, ao non contar a vila con procesións ou actos similares pola Semana Santa. Así que apostaron polo teatro. A idea prendeu coma un misto e máis de setenta veciños tomaron parte o ano pasado na representación, ademais dos moitos paisanos a maiores que se implicaron na organización. Todo un reto para actores afeccionados de todas as idades e tamén todo un éxito. Tanto que decidiron repetir.

«Non hai palabras que expliquen que foi o que moveu a todo un pobo e nos encheu de tanta ilusión. Moitas son as historias que conta a nosa historia da Paixón, e vese que cada un foi atopando a súa: unha historia de amor, de amizade, de liberdade, de ben, de xustiza... unha historia que a todos nos tocou o corazón», explican no folleto promocional da representación.

Teatro nas rúas e na igrexa

Vanesa Ferreiro, profesora de Literatura no Seminario de Lugo e profesora de catequese en Antas, é unha das impulsoras da iniciativa. Explica que este ano representarán algunhas das escenas dos últimos días da vida de Xesús, como o Domingo de Ramos, a Última Cea, a Paixón, a súa morte e a Resurrección. E todo recreado no exterior da vila e noutros escenarios interiores, como a igrexa nova, xa que a vella igrexa se queda pequena para acoller a tanto público.

«Non deixa de sorprendernos como ideas que xorden de maneira espontánea acaban en proxectos tan fermosos. Estamos tan contentos pola acollida que tivemos que repetimos e se sumou máis xente», continúa Ferreiro: máis de corenta adultos, unha vintena de figurantes e medio cento de nenos, ademais das nais ou pais voluntarios, polo que participarán máis dun cento de persoas de entre 3 e 90 anos de Antas de Ulla e Monterroso. Tamén hai veciños que, sen actuar, axudan a facer os vestiarios, decorados, levar comida aos ensaios... A maiores, contarán coa colaboración musical de Fiadeira e a Coral Sons do Farelo. Todo iso, con máis escenas, máis duración e máis sorpresas.

Isto implicou, loxicamente, máis traballo e máis dedicación por parte dos veciños: «Levamos traballando desde xaneiro; non hai que esquecer que estamos falando de teatro afeccionado, con xente que ten os seus traballos e as súas vidas e hai que agradecerlles a súa xenerosidade», continúa Ferreiro.

Xa actuaron na Catedral

A primeira toma de contacto desta segunda edición da «Paixón» tivo lugar na Catedral de Lugo, no claustro e na praza, e a experiencia resultou emocionante tanto para o público como para os actores. Ademais, contaron coa colaboración da Cohors III e o Orfeón Lucense, que lle deu máis solemnidade á posta en escena.