«Non creo en varitas máxicas, só no traballo»

Elena Candia di que no PP non sobra ninguén e confesa que a súa aspiración política é ser rexedora


redacción / la voz

A estas alturas ninguén discute que a avogada e experta en xestión administrativa Elena Candia (Mondoñedo, 1978) é un torbellino. Alcaldesa, deputada provincial, presidenta do PP lucense... Esta páxina queda pequena para reproducir a entrevista na que non esquiva pregunta algunha.

-¿Que queda daquela Elena que debutou en política cando saiu elixida como concelleira no 2003?

-Participando en política dáche a sensación de que cada ano o vivimos como se foran tres. Daquela Elena queda a mesma ilusión e paixón, cuns valores e principios moi claros e cun obxectivo: sentirme útil. Entrei absolutamente convencida das posibilidades de Mondoñedo, de que se podía aproveitar a política para melloralo. Pero tamén atopa a unha Elena con máis experiencia, moito menos inocente, se é que o fun algunha vez, e máis formada.

-¿Como chega a todo?

-Intento ter as cousas preparadas da miña man, pero confeso que só se pode conseguir traballando en equipo.

-Á marxe doutras actividades profesionais, ¿segue tendo vacas?

-Sígoas tendo. Vacas de carne.

-¿Consegue delegar?

-Inténtoo. Ás veces consígoo e outras veces non.

-Anda presentando candidatos pola provincia, pero ¿repetirá vostede como alcaldable?

-Terán que decidilo os compañeiros. Supoño que antes do 15 de abril.

-No 2016 cursaba o seu quinto máster, ¿como van os estudos?

-Sigo estudando, co doctorado. Pretendo elaborar un traballo de investigación que recolla cunha visión práctica o día a día, todo o que vou aprendendo. Sería un traballo de investigación para intentar pór de maneira clara as bondades e aportacións dos entes locais, sobre todo no escenario nacional. Creo que vou sacar unha conclusión en positivo.

-Foi a primeira muller en presidir a Deputación, ¿que lle aportou?

-En calquera administración, institución, entidade privada... a perspectiva sempre cambia dependendo de si estás fóra ou dentro. Hai unha visión equivocada das deputacións. Moita xente as asocia a ter un exceso de control, cando creo que é o mecanismo máis importante para poder pór en valor as posibilidades e os sectores estratéxicos da provincia. Un dos maiores logros foi ter altura de miras para chegar a un acordo co PSOE para que se atendera aos concellos e se lles puidera dar un instrumento de traballo e de igualdade, como é o Plan Único. Creo que a provincia ten que ter un plan propio centrado nos sectores primario, forestal, de turismo e servizos sociais. En infraestruturas tamén se necesita un plan de provincia. Por iso defendo a necesidade dun órgano supramunicipal.

-¿Quen foi o seu mentor en política?

-Que me deu a primeira oportunidade foi Luis Rego. Despois é indubidable que houbo máis xente. Comecei a traballar no Concello no 2002 co Plan Labora.

-Tras intentalo vostede no 2007 e no 2011, recuperou no 2015 a alcaldía para o PP. ¿Está satisfeita co traballo destes anos?

-Queda moito que facer. Houbo decisións e proxectos de calado que marcan a posibilidade de invertir a tendencia. Este venres inaugurouse un hotel, a semana que vén, unha franquicia ou unha clínica. Foi un traballo intenso. Cando cheguei había un importante pesimismo e unha desmotivación brutal. Non creo en varitas máxicas, só no traballo. É o instrumento para conseguir as cousas. Mire, no caso do premio Galicia Parabéns, a nosa proposta era impecable, por iso gañamos. Presentámonos a todas as convocatorias, estudiámolas de forma rigorosa. E agora imos pola de Vilas en Flor.

-¿Cantas horas ten o seu día?

-O traballo do partido é o máis difícil, require moitas horas; é gratificante cando as cousas saen ben e moi traumático cando non. Analizo calquera enfoque como militante e creo que en política non sobra ninguén. Son muller de carácter, reivindicativa, leal ós principios do partido e ós meus.

-¿Que lle diría á xente que non entende as saídas de Rozas en Lugo, Barcia en Burela, Julia Rodríguez en Monforte ou Bouza en Viveiro?

-Ás veces as cousas non se entenden porque tampouco se explicaron ben, pero co paso do tempo as verdades sempre afloran. Todo o mundo é igual de importante, ninguén sobra no PP. Temos que marcarnos un reto de mellorar resultados en sitios que son mellorables. Temos que intentalo, é unha responsabilidade de todos. Creo que en todos eles hai grandes posibilidades; hoxe están nun sitio e pasado mañá poden estar noutro. A vida política dá moitas voltas. É importante saber entrar e saber cambiar de sitio. Non ataco a ninguén e hai que entender que o partido é o que perdura, o proxecto político está por encima de todos. Tamén nos debemos a moita xente anónima que nunca tivo ningún protagonismo e estivo e está apostando polo partido.

-¿O seu futuro a curto prazo pasa pola política autonómica ou nacional?

-A miña aspiración real, que me custou moito traballo e desgustos, foi recuperar a alcaldía de Mondoñedo. Pero non por min, senón por intentar revitalizar un concello no que creo. Gustariame xubilarme aquí. Teño un arraigo inquebrantable. Non hai outros plans a curto prazo. Nengún. Non teño máis aspiración.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

«Non creo en varitas máxicas, só no traballo»