Inocentes

Xulio Xiz TRIBUNA

LUGO

12 mar 2019 . Actualizado a las 12:12 h.

Hai tempo, radios e xornais celebraban o 28 de decembro con sonoras inocentadas que viñan subliñar o costume dos galegos de gastar bromas en día tan sinalado. As bromas informativas movían multitudes, tocando fibras sensibles, e por uns instantes mergullábannos nun mundo diferente ata que nos dabamos conta da festividade do día.

Agora, os inocentes seguimos sendo nós. As inocentadas, institucionais, ou case. E os provocadores das inocentadas sorpréndennos sen darnos tempo a aledarnos porque no momento da ilusión dámonos conta da inocentada electoral.

Fainos falla un novo xulgado do social… vale! Pero non se pode crear unha batalla virtual arredor do xulgado, que non temos ao parecer porque non se pediu, ou pediuse tarde, ou a solicitude non levaba as pólizas oportunas, ou non se mandou á institución adecuada. Só nos importa que non hai xulgado.

Na intermodal pode levar a dianteira o ministro do ramo, o ADIF, a Xunta, o Concello, ou a asociación de veciños do barrio da Estación. O que pedimos é que o tren en Lugo siga a mellorar, que vaia máis rápido, que sexa puntual, que sexa barato… e nada máis. Os plans, maquetas, debuxos, son bonitos, pero estamos no amplísimo período dos Santos Inocentes das eleccións, e non queremos ilusionarnos por algo que ao mellor nin os nosos netos chegan a ver. No 78, coa Constitucións, fomos maiores. Case medio século despois, trátannos como nenos ilusionados agardando aos Reis Magos sabendo que os que veñen non son os de verdade. E mentres veñen os Reis ou Papá Noel, velaí os Santos Inocentes coas bromas propias da festividade. Electoral.