Carmen Sánchez: «Somos todas mulleres e facemos un bo equipo»

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

ALBERTO LÓPEZ

Dirixe Embutidos Suarna, de Navia de Suarna, unha empresa cun persoal 100 % feminino que comercializa 25.000 quilos de embutidos ao ano

09 mar 2019 . Actualizado a las 19:13 h.

Muller, do rural, da montaña lucense, emprendedora, empresaria, traballadora, nai de familia numerosa, coidadora de dúas persoas maiores... Carmen Sánchez Iravedra fixo de todos estes posibles atrancos unha virtude, unha oportunidade para abrirse camiño no mundo empresarial e para medrar como muller e como emprendedora. Leva 18 anos xestionando a empresa Embutidos Suarna, que puxo en marcha xunto ao seu marido, Hortensio Díaz Robledo, no 2001. Ao falecer o seu home, Sánchez Iravedra converteuse desde hai catro anos na cara visible desta industria que elabora e comercializa embutidos artesáns de porcino, concretamente uns 25.000 quilos de produto elaborado cada ano. Con Carmen Sánchez traballa un cadro de persoal de tres empregadas, todas elas mulleres.

-Que tipo de produtos elaboran?

-Comezamos coa androlla, cando se empezou a recuperar este produto tradicional, polo que a empresa é de nova creación, non é de herdanza nin tradición. Empezamos o meu marido Hortensio, que faleceu, e mais eu. Pero ademais de androllas, que son a nosa especialidade, elaboramos chourizos, botelos, lombos, salchichóns... O proceso é artesanal; de feito, contamos coa homologación de empresa artesá pola Xunta de Galicia. O atado, por exemplo, faise á man, aínda que despois contamos cunha embutidora, unha amasadora... porque se non sería inviable.

-Onde venden os produtos?

-Principalmente, por toda Galicia, pero temos unha parte moi importante da clientela en Cataluña, a onde emigraron moitos veciños dos Ancares. De feito, son uns compradores moi especiais porque os nosos primeiros clientes foron unhas tendas de produtos galegos que hai en Barcelona. A androlla é un dos embutidos que máis demandan. Por iso, aínda que ao principio só elaborabamos androlla no inverno, agora temos practicamente todo o ano, sobre todo, en agosto, que é cando volven aos Ancares os emigrantes, e sempre mercan para comer aquí ou levar a Cataluña. Aínda así, os meses fortes seguen a ser de outubro a marzo. Arredor do 60 % da nosa clientela está en Galicia; o 30 %, en Cataluña; e o 10 %, no resto de España.

-Como se sortean as dificultades de ser muller empresaria, nai, coidadora e do rural?

-Eu son unha traballadora nata e para min non é ningún sacrificio, gózoo porque estou facendo algo que me gusta. Como nai tamén o levei sempre moi ben. Pasei momentos moi duros coa enfermidade do meu marido, mesmo a nivel económico, porque el estaba enfermo, os tres fillos estudando na universidade, morreu meu sogro... Así que agora non me pon medo nada. Os tres fillos xa están traballando e os problemas non son os quilómetros nin o traballo, os problemas son as enfermidades, os hospitais... Ao faltar o meu marido, despois dunha dura enfermidade, centreime na empresa, e fíxeno por min e por Navia. Comezaramos cun supermercado na praza de Navia e, ao morrer Hortensio, pensei en pechalo, pero dábame pena polo que significaría para a vila; e non me arrepinto de mantelo, agora é a miña base. Despois de chegar das viaxes, sempre vou primeiro á tenda a ver aos veciños, aos amigos...

-Ter unha empresa en Navia implica facer moitos quilómetros...

-Si, só a Lugo son 70 quilómetros ir e outros tantos á volta, e iso supón moitas horas de coche e sobrecustos, tanto para recibir aos provedores de carne como para distribuír os produtos. Pero ser de Navia compensa todos os quilómetros. Eu nacín en Baralla, pero levo trinta anos vivindo en Navia, teño a miña vida aquí e tírame moito isto. E para a empresa supón un valor engadido estar en Navia, porque iso vende, chama a atención da xente... E eu sempre levo o nome de Navia a onde vou, convido á xente a vir, dígolles qué ver, qué rutas facer, debúxolles mapas...

-O cadro de persoal é 100 % feminino. Foi buscado ou casual?

-Non sabería dicir, pero así facemos un moi bo equipo. Eu dedícome á venda, vou ás feiras... e as rapazas que teño están na fábrica, dedícanse á elaboración, e confío plenamente nelas. As tres mulleres uníronse moito a min e axúdanme moito, facemos un bo equipo. Poñemos todas da nosa parte e organizámonos.