O comercio de Lugo e a fundación da Cámara

Adolfo de Abel Vilela

LUGO

17 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Non hai moito que o presidente dunha asociación de comerciantes de Lugo falaba da crise pola que está pasando o comercio na cidade, na que cada día que pasa vense máis establecementos pechados. Ao mesmo tempo un grupo de empresarios e comerciantes intentan resucitar a centenaria Cámara de Comercio Industria e Navegación, que foi un alicerce fundamental no desenvolvemento industrial e comercial non só da cidade, senón tamén da provincia mediante as súas peticións e reivindicacións.

A actividade comercial a partir da chegada do tren en 1875 tivo o seu auxe en Lugo a partir do último cuarto do século XIX, promovido por xentes foráneas. O aumento da poboación e a conformación dunha burguesía urbana, composta por funcionarios e profesionais liberais, que demanda un tipo de mercancías e produtos diferentes aos que compraban os labradores das parroquias próximas, contribuíu á modernización do comercio local e ao seu desenvolvemento.

Así, a partir de 1860 aparecen os escaparates, chamados naquel momento «vitrinas ou aparadores», síntoma de que o refrán que dicía «El buen paño en el arca se vende» quedara desfasado para esta nova sociedade, por unha banda curiosa, e por outra informada a través da prensa e as revistas de moda, que en láminas coloreadas á man mostraban as tendencias no vestir marcadas por París, a capital europea das vangardas. «La Moda de París» foi o nome que tomou unha das tendas máis coñecidas da cidade.

A necesidade de asociarse

O comercio lucense estaba próximo ao lugar de celebración do mercado, que era a Praza Maior ou da Constitución. Esta mesma praza, a rúa de San Pedro, a da Raíña, a de Batitales (Doutor Castro a partir do 12 de setembro de 1881) e a Travesa (Conde de Pallares desde o 2 de febreiro de 1905) eran as máis comerciais. Este desenvolvemento do comercio fixo que os comerciantes sentisen a necesidade de asociarse para a defensa dos seus intereses. O impulso definitivo a esa demanda foi debido á presión fiscal.

En abril de 1893 unha comisión de comerciantes formada por Leoncio Tato, Juan Bellón e Manuel Quintana Méndez visitou ao delegado da Facenda para dicirlle que se seguían aumentando as cotas conque viñan figurando na matrícula industrial o comercio de Lugo veríase forzado a pechar, porque a situación en que xa estaba colocado era insostible. Por iso é polo que a prensa local anunciou que entre varios comerciantes e industriais se axitaba a idea de constituír unha asociación, con obxecto de procurar a defensa dos seus intereses, seriamente ameazados coa aplicación das novas tarifas.

O día 21 pola noite celebrouse a reunión no Concello con asistencia de numerosa concorrencia de comerciantes e industriais. Un rapaz comerciante, Laureano Tato, foi designado pola maioría para ocupar a presidencia en unión de Francisco Hermida e Benigno de la Mota. Logo de agradecer a presenza dos concorrentes sinalou que a reunión tiña por obxecto procurar a fundación dunha Cámara, Sindicato ou corporación análoga, que representase ao comercio e á industria de Lugo en todos os asuntos e reclamacións que xurdían a diario.

Desa reunión saíu unha comisión organizadora formada por Augusto Pozzi e José Pujol, polo gremio de fabricantes; Francisco Hermida e José Varela Hortas, polo de ferraxería; Benigno de la Mota e Germán Pérez polo comercio de tecidos; Pedro Rodríguez e Ramón Novo, polo de ultramarinos; e Cipriano Barros e José Fernández Carballo polo de industriais.

Esta Comisión redactou un Regulamento e presentou a solicitude a través do Goberno Civil para a súa tramitación no Ministerio de Fomento; a finais de xullo recibiuse a Real Orde aprobando a constitución dunha Cámara de Comercio ao igual das de Béjar, Guadalajara e Logroño. Palencia tamén solicitara a creación dunha pero non lla concederon, o cal supoñía un certo triunfo para Lugo.

Antes da constitución houbo na prensa local informacións e comentarios que non sentaron ben á comisión organizadora, posiblemente debidas a interferencias políticas, das que non se viu libre esta institución en época recente, na que foi defenestrado o seu presidente para promocionar a unha persoa afín ao político que mandaba na provincia.

A primeira directiva

A Comisión organizadora convocou aos comerciantes e industriais lucenses á xunta xeral para o día 17 de setembro ás cinco da tarde, no salón de plenos da Casa Consistorial, coa finalidade de dar conta dos traballos realizados, nomear á xunta directiva e para inscribirse os que o desexasen. Presidiuna o alcalde José María Zubiri e a asistencia foi numerosa.

O secretario da Comisión organizadora, Benigno de la Mota, deu lectura ao Regulamento, que foi aprobado. Elixiuse á Xunta directiva que quedou formada así: Presidente, Ramón Nicolás Soler, banqueiro; Vicepresidente, Tomás Cobos Varona, constructor; Contador, Antonio Villamarín, impresor; Tesoureiro, José Carro Crespo, comerciante; Secretario, Laureano Tato, comerciante. Vogais: Inocencio R. Luaces; Francisco García Sobrino, hostaleiro; Francisco Somoza; Juan María Bravos, impresor; e Cipriano Barros.

De la Mota pediu o nomeamento de presidentes honorarios da Cámara aos deputados do partido liberal que ostentaba o poder, Manuel Becerra e Benigno López Quiroga Ballesteros, proposición que foi aceptada. A política ensombreceu o seu nacemento e tamén contribuíu á súa desaparición.