Anxo Lamas

Dolores Cela Castro
Dolores Cela TRIBUNA

LUGO

07 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Anxo Lamas exerceu de mestre e non só polas súas técnicas e polo uso de materiais de refugallo: portas e táboas de madeiras nobres que eran os lenzos das súas pinturas e a base das esculturas. Foi un mestre de filosofía de vida, nun colectivo no que se mide a valía dun artista polo prezo ao que cotizan os seus cadros.

Lamas puido vender e sacar proveito á súa orixinal obra en galerías de fóra de Galicia e a traveso de marchantes, pero prefería coñecer o destino de cada peza da que se desfacía e seguirlle a pista ata onde era capaz. Os prezos populares permitíronnos a moitos dos seus incondicionais acceder a obras nas que depositaba inspiración e talento.

Dáballe o plus artístico a pezas que se atopaban tiradas nas palleiras, ás que regalaba unha segunda vida coa imaxinación e os seus pinceis. Fiestras coas súas contras, mobles, niños baleiros de paxaros, garabullos, pedras … todo tiña cabida no seu mundo máxico.

As visitas ao estudo do artista constituían unha auténtica ledicia. Revisar, unha a unha, as táboas, sempre foi un privilexio. Custaba escollelas e pasar por alto as que non estaban en venta porque Lamas as tiña seleccionadas. Agardaba a visita dun técnico da Xunta para inventariar a súa obra.

Indiscutiblemente, o mellor daquelas tardes no taller era escoitar as súas historias e facer un percorrido guiado, no que explicaba a procedencia do material co que traballara e a fonte de inspiración. Non se esquecía de destacar a influencia daliniana dalgunha das súas pezas, que aparecían mesturadas coas de temática relixiosa. Lamas non está pero a súa obra servirá sempre para demostrar non só talento, senón tamén xenerosidade.