Incendios

Fernando Rois TRIBUNA

LUGO

23 oct 2017 . Actualizado a las 21:55 h.

Os galegos vivimos estes días, por mor da vaga de lumes, unha situación que nin os máis maiores lembran. Como se dixo en distintas ocasións, Galicia non ardeu, a Galicia queimáronnola.

Aproveitouse a situación meteorolóxica para destruír o noso patrimonio natural, provocar danos materiais e, o que é máis grave, levarse por diante vidas humanas.

Foi, sen lugar a dúbidas, un feito sen precedentes. O furacán Ofelia alcanzaba forza 3 e achegábase ás costas atlánticas peninsulares, ocasionando fortes rachas de vento que azoutaron a Comunidade a pasada fin de semana; circunstancias que moito teñen que ver coa rápida expansión dos lumes e ás que hai que engadir temperaturas inusualmente altas e unha falla de humidade que fixeron o cóctel perfecto para o incendio perfecto.

Foron horas moi complicadas e de moita tensión, nas que os equipos de extinción fixeron un traballo extraordinario, pois estas condicións adversas provocaron que os lumes fosen moi difíciles de extinguir.

Por tanto, a orixe desta vaga de lumes non foi a falla de prevención, senón a actividade incendiaria. Non hai máis que ver que non ocorreron só en zonas de monte, senón tamén en zonas urbanas e cerca de vivendas, como foi o caso dos lumes de Vigo. Todo apunta a que foron provocados, tanto en Galicia como en Asturias, cun impacto brutal, ocasionando un auténtico terrorismo ambiental que atenta contra o noso patrimonio, e que debe ser perseguido.

Queremos recoñecer a profesionalidade e a valentía coa que actuaron os axentes implicados na extinción, así como ao do pobo que demostrou ser exemplar cunha unión e solidariedade excepcionais.

Consideramos tamén que a resposta da Xunta foi exemplar para atallar a voracidade das lapas e para evitar un mal maior, como tamén o foi a posteriori, habilitando nun tempo tempo récord un paquete de axudas directas destinadas aos danos provocados, unha vez que os galegos xa non corríamos risco ningún.

 Para rematar, queremos rexeitar enerxicamente este tipo de prácticas delitivas, agardando que unha situación deste calibre non volva a producirse, e que a normalidade chegue canto antes a todas as aldeas, lugares e persoas afectadas.