Só se diagnostican un 0,20% dos casos, cando un 3% da poboación se atopa nesta situación
02 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.Evaristo Pardeiro López é mestre, licenciado en Psicopedagoxía e especialista en sobredotación intelectual no equipo de orientación específico de Lugo. Este docente é o que fai as probas para detectar altas capacidades ós alumnos de toda a provincia. Onte participou nunha charla no CEIP As Mercedes, organizada polo gabinete de orientación e pola Anpa.
-¿Cómo chegan os alumnos as súas mans?
-A demanda vén sempre a través do departamento de orientación do centro. Poden pedilo o profesorado, os pais, ou por iniciativa do departamento, que despois de facer probas xenéricas ao alumnado para detectar posibles dificultades se atopa con altas capacidades nalgún rapaz.
-¿Detéctanse cando buscan dificultades?
-Polo xeral son probas de capacidade e fanse para ver se están no nivel da súa idade, por debaixo o moi por riba. Os que destacan moito por enriba en relación aos seus iguais dannos signos de alerta de altas capacidades.
-¿Como define destacar por riba?
-Hai unha proba que centra o coeficiente intelectual, a capacidade intelectual xeral e que dá unha puntuación. A media é sobre 100. Para considerar sobredotación ten que pasar de 130.
-¿Danse moitos casos?
-Na provincia hai bastantes. As estatísticas din que ten que haber un 3% da poboación de altas capacidades. Diagnosticado hai cerca dun 0,2%. É bastante pouco. Hai moitos casos que se camuflan co fracaso escolar cando chegan a secundaria. Hai rapaces que van ben durante toda a súa escolarización e son os típicos que son intelixentes e listos e que non presentan dificultades. Ó mellor non se detectan ou non se diagnostican. O problema aparece cando presentan dificultades de motivación ou de relación que van a causar un dano académico, a pesar de ser nenos de altas capacidades.
-¿Son difíciles de detectar estes casos?
-Non é fácil. Hai veces que ves un neno que é intelixente e fai cousas por riba dos seus compañeiros, pero simplemente pode ser que vai máis rápido ca eles, ou está moi estimulado. A día de hoxe os cativos están máis estimulados que noutra época, a través das novas tecnoloxías, os pais están tamén máis formados e traballan con eles, o que pode disfrazar unhas posibles altas capacidades.
-¿É común que haxa pais que pensen que os seus fillos teñen altas capacidades?
-O dos pais é un mundo. Para os pais os seus fillos son os mellores en todo. Hai casos como o Ásperger, que se consideran de alto funcionamento, que se poden confundir cunha capacidade intelectual elevada, en canto a que se centran en temas concretos que controlan. Moitas veces tamén é máis fácil pensar que un fillo ten altas capacidades que non Ásperger.
-¿Que lle recomendaría aos pais que sospeiten da existencia de altas capacidades?
-O primeiro, falar co departamento de orientación do centro e mirar se realmente as hai ou non. Tamén lles diría que atendan á demanda do cativo. Non hai que sobrexercitalos. Se piden información, hai que dárllela, igualmente se piden máis traballo. ¿Que non o fan? Pois non facilitarlles tarefas extras. Son nenos e necesitan xogar. Hai pais que con tres anos pensan que o seu fillo ten altas capacidades.
-¿A partir de que anos se sabe?
-No entorno dos sete e máis fácil identificalas. Intelectualmente a mente non é algo estático. Non nacemos cun coeficiente intelectual e morremos con el. É algo que se entrena e evoluciona. Hai nenos que con tres anos poden ter unha precocidade cognitiva máis rápida, pero pode chegar un momento que se estanque e sigan nun ritmo normal. Neses anos serán nenos de altas capacidades. Despois non. Se un neno sabe xa sumar, non temos que estar reforzando. Hai que ir cara algo que supoña un reto para chegar máis algo. Cando traballamos algo que se sabe, aburre.
-¿Cales son as diferenzas entre un neno con altas capacidades e un sobredotado?
-Altas capacidades engloba a sobredotación, a precocidade cognitiva e o talento. Estes serían nenos que destacan nun ámbito concreto: musical, deportivo, matemático. Pode habelos simples ou compostos como o artístico ou académico, que tamén pode confundirse coa sobredotación. Estes son cativos que teñen un coeficiente superior a 130, unha alta creatividade e unha persistencia e motivación extraordinarias. Son nenos que se enfrascan nas tarefas e ata que non consideran que están rematadas non paran e non acostuman a fatigarse. Tamén teñen capacidade para resolver problemas de formas diferentes.
«Non se pode sobreexercitar aos cativos. Hai que atender a súas demandas»
«No entorno dos sete anos son máis fáciles de detectar estas capacidades. Antes non»
«O importante é saber se o son e atender ás súas necesidades»
Para moitos pais ter fillos con altas capacidades é un problema.
-¿Que signos deben alertar aos profesores?
-Esas formas diferentes de ver a resolución dos problemas, que aprenden a ler e a escribir de xeito temperán e que nos temas que lles interesan profundizan moitísimo. Pode ser que saiban moito de dinosaurios, o que non quere dicir que sexan superdotados, pero é un signo de alerta. A pesar do que din deles, polo xeral son nenos con habilidades sociais, as dificultades de relación son por falta de interese polos iguais. Incluso é posible que teñan madeira de líderes. Hai unha chea de alertas. Noutras comunidades hai protocolos de actuación, que poñen en marcha en determinados cursos para detectar dificultades. Dentro das necesidades de apoio educativo están as altas capacidades. Son nenos que necesitan apoios.
-¿En Galicia hainos? ¿Está preparado o sistema para atender a este nenos?
-Non hai protocolos. Hai centros que fan probas, como este CEIP As Mercedes. O sistema está preparado e non o está. Falta formación en xeral. Hai necesidades por arriba e por abaixo. Hai nenos con altas capacidades que necesitan que os axuden e que lles poñan os medios necesarios para enriquecer os seus currículos. Os centros en xeral están preparados pero en xeral falta formación entre o profesorado.
-¿Son un problema?
-Hai nenos que amosan problemáticas, pero non todos. O importante é sabelo e atender as suas necesidades.