O creador lucense expón ata finais de xullo no Museo Provincial a súa reflexión sobre a arte e a contorna natural
07 jun 2016 . Actualizado a las 13:23 h.Que o artista ten unha responsabilidade co seu tempo e coa sociedade sábeo perfectamente Christian Villamide (Lugo, 1966). Non todos os artistas amosan a diario no seu traballo o compromiso. Non é algo que deba ser obrigatorio e co que se valore a un creador, pero aqueles que si ofrecen a súa arte para denunciar os problemas que nos rodean fano a conciencia e, como no caso do artista lucense, como un acto de xenerosidade e de ética persoal, ademais de coherencia. Boa mostra dixo é a exposición que Villamide amosa ata finais de xullo no Museo Provincial baixo o título ben significativo de «A paisaxe contra a parede». «A natureza tratámola como se fora inimiga», sinala Villamide, quen á vez lembra que «a nosa pel é fráxil e sutil, igual que os ecosistemas do noso planeta».
Para expor o seu punto de vista sobre as agresións á nosa paisaxe, a que temos máis preto de nós, Villamide transforma restos de árbores en pezas representantivas que cobran de novo vida e valor. «Todo arrincou dunha visita a unha zona fermosísima da provincia, na Marronda, en concreto en Cortevella». Este lugar sérvelle para reflexionar sobre a soidade do ser humano, «capaz de crear paisaxes artificiais e artificiosos» mentres destrúe o orixinal. O artista defende nas súas obras «a paisaxe máis inmediata, o que pisamos».
Para levar a cabo algunha das súas propostas, Villamicontou coa colaboración do obradoiro de carpintaría de Aspnais. Os integrantes deste colectivo -que este ano cumpre 50 años- dispuxeron de dez árbores que procesaron e traballaron manualmente. Villamide contou coa colaboración do Concello de Lugo, que lle aportou os restos de árbores que foron caendo na cidade para volver a darlle unha nova vida, como unha das pezas máis destacadas da exposición: «Hábitat restituído III», onde o artista combina a madeira con outros elementos propios da súa obra, a mármore e o ferro. Outra peza destacable é a que se pode ver no Claustro e que leva por título «Ilustración». Dunha nogueira parten os piares que fixeron a nosa civilización: libro e ferro, coñecemento e industrialización. Unha fermosa reflexión para que non esquezamos que «a vida é a forza que ten a natureza», di Villamide.