Preto de tres mil lucenses poideron morrer polos efectos da crise de subsistencia
21 mar 2016 . Actualizado a las 10:50 h.Lois Seijo Castro (Girona, 1956) é licenciado en Humanidades e exerce de mestre de educación primaria no Colexio lucense de A Piringalla. Ven de defender a súa tese doutoral que leva por título «A resposta institucional á pobreza. Lugo (1875-1905)» e que foi dirixida polos profesores de Historia Contemporánea da Facultade de Xeografía e Historia Xavier Castro Pérez e Daniel Lanero Táboas. Neste amplo traballo, o autor mostra como o Concello de Lugo e a Deputación se viron obrigados a asumir a xestión dos establecementos benéficos na cidade e como utilizaron esta obriga para a obtención de beneficios, evitando todo o posible a carga económica que esta circunstancia supoñía.
-¿De que trata a súa tese?
-A tese trata de como se auxiliaba na cidade de Lugo ós máis desamparados da sociedade no último cuarto do século XIX e primeiros anos do XX.
-¿En cantas partes se divide?
-A tese conta con catro apartados principais. Os tres primeiros están dedicados a cada un dos establecementos benéficos que había en Lugo: o Hospital Municipal, a Casa de Beneficencia e a Casa de Maternidade e Expósitos. O cuarto apartado trata do denominado ano da fame de 1880.
-¿Por que se centrou a investigación na pobreza?
-A motivación máis importante é de carácter práctico. Á hora de afrontar unha investigación deste tipo é preciso contar cunhas fontes documentais sólidas e consolidadas sobre as que basear o traballo. No Arquivo Histórico Provincial os documentos conservados sobre esta temática eran, ademais de abundantes, bastante detallados e moi precisos.
-¿Cales foron as causas que desencadearon a crise de subsistencia de 1880?
-As causas que desencadearon a crise do ano 1880, coñecida como o ano da fame, foron de carácter climático. Durante os anos 1878 e 1879 produciuse un arrefriamento climático moi intenso, con abundantes precipitacións de auga e neve durante boa parte da primavera e verán deses anos que destruíron as colleitas de centeo.
Como consecuencia desta situación, as xentes que habitaban as comarcas máis dependentes do seu cultivo, unha vez esgotadas as escasas existencias, víronse imposibilitadas para alimentarse.
-¿Que consecuencias tivo esta crise?
-As consecuencias da crise foron varias. Como resultado da escaseza, produciuse un gran incremento do prezo dos cereais nas feiras. As xentes das zonas máis afectadas, como era a montaña de Lugo e algunhas comarcas do interior da provincia víronse sometidas a unha situación crítica. Moitas persoas abandonaron as súas casas en busca de remedio e acudiron ás vilas e cidades demandando axuda. Lugo encheuse de xentes procedentes do campo demandando colaboración e o Concello levou a cabo un reparto de rancho entre máis de mil desprazados moitos días. Outra consecuencia moi importante foi o incremento da mortalidade que se produciu durante os anos de 1879 e 1880.
-¿Que analizou no seu traballo?
-En primeiro lugar analizouse o funcionamento dos establecementos benéficos e a calidade asistencial que ofrecían. Tamén se analizaron os fondos que a estes establecementos dedicaban o Concello e a Deputación (institucións encargadas de sostelos) e a actitude que os poderes do momento tiñan con respecto ó mundo da pobreza.
-¿Que datos sobre a pobreza nos pode dar?
-Os datos que se obteñen ó longo do traballo son de diferentes tipos e desglósanse en función dos apartados. Os máis significativos teñen que ver, por exemplo, coa elevada taxa de mortalidade que afectaba ós nenos expósitos ou coas consecuencias dramáticas que para os afectados na provincia de Lugo tivo a crise de sub
sistencia de 1880.
-¿Que papel xogaron as institucións neste eido e como valora o seu traballo?
-As institucións ás que a normativa obrigaba a facerse cargo da asistencia benéfica eran os concellos e as deputacións. A falta de recursos e de interese real facía que esa asistencia non tivese a calidade e efectividade que sería desexable.
-¿Como estaban os edificios?
-Os edificios non reunían condicións hixiénicas nin sanitarias, non estaban suficientemente dotados e os empregados que atendían ós socorridos estaban mal remunerados e insatisfeitos coas súas condicións laborais.
-¿A que conclusión chegou con este traballo?
-A conclusión xeral que se pode obter quizás sexa que o tránsito desde a asistencia benéfica que levaba a cabo a Igrexa durante o Antigo Réxime á asistencia por parte dos poderes civís propia do Estado liberal atopouse con moitas dificultades e non supuxo a mellora real das condicións de
vida das persoas socorridas que
era necesaria.
-¿Que sensación ten despois de ter feito a tese?
-A sensación máis importante ten que ver co carácter dramático que impregnaba a existencia dos menos favorecidos da sociedade do momento. O mundo dos expósitos e a vida dos internos da Casa de Beneficencia e do Hospital é unha realidade que en ocasións afectan á sensibilidade de quen as analiza.
«As causas que provocaron a crise do ano 1880 foron de tipo climático»
«Analicei como funcionaban os locais benéficos e a calidade prestada»
«Os cidadáns máis afectados pola pobreza foron os da montaña de Lugo»