Urxencias pediátricas

Xulio Xiz TRIBUNA

LUGO

Gústame falar ben do HULA porque teño experiencias agradables, e se algunha non o é, a excepción confirman a regla. Veño de pasar cinco horas en urxencias pediátricas por mor dunha ecografía. Coa paciente de catro anos, primeiro fomos a Fingoi, onde nos indicaron a necesidade dunha ecografía para diagnosticar. O mesmo apreciaron en urxencias pediátricas do HULA. E a agardar por esa proba quedamos.

A sorpresa foi que, despois de longa espera aparece un dos «ecógrafos» para comprobar se, efectivamente, se precisaba esa proba. Malo, se uns profesionais non se fían de outros, pero así resultou. E a seguir esperando a paciente ?paciente resultou- con sono, sen cear, finalmente atendida preto das tres da mañá, non sabendo o persoal pediátrico como pedir disculpas pola tardanza que non lles era imputable.

En «ecografía», a técnica -que non coñece aos nenos-, empeñada en que a nena entrase soa a facer a proba como se fose maior. Ao final entrou en razón (non a nena) a técnica. Saímos do HULA con fame e sono, pero satisfeitos do trato recibido nas Urxencias pediátricas.

A odisea foi mercar logo unha medicina, buscando farmacias das que antes se chamaban de garda. E fomos pola Medusa, pola Avenida da Coruña, por Lamas de Prado ?onde comprobamos que só atenden ata a unha- e por fin a Ramón Ferreiro que si abre as vintecatro horas. En fin: é unha experiencia máis dentro da vida familiar, na que pode pasar calquera cousa en calquera momento, e é moi bo estar preparado para toda continxencia. Non foi un simulacro, pero valeunos para comprobar que estamos preparados para case todo.