Recuperar a memoria da emigración

Suso Varela Pérez
suso varela LUGO/ LA VOZ

LUGO

ALBERTO LÓPEZ

Hércules de Edicións repasa a historia dos galegos en América do Sur

27 nov 2014 . Actualizado a las 08:32 h.

Que a historia de Galicia tamén se escribiu no exterior non hai máis que constatalo no volume que onte presentou en Lugo Hércules de Edicións e que leva por título A emigración galega: América do Sur, coordinada pola profesora da USC María Pilar Cagiao Vila e na que participou tamén a profesora do campus de Lugo, Ana Cabana Iglesias. O libro analiza os antecedentes da emigración de miles de galegos entre finais do século XIX e boa parte do XX. As autoras sinalaron que o volume xa recolle os precedentes da emigración masiva, que foron as primeiras colonias de galegos que se instalaron entre os séculos XVI e XVIII. «O primeiro que pisou aquela que se chamaba Terra Firme foi, no ano 1521, o ourensán Gonzalo de Ocampo». Anos despois foron pasando outros ilustres, como o mindoniense Francisco de Seijas y Lobera.

O relato do volume que se presentou, acto ao que acudiu o editor Francisco Iglesias, destaca como foi entorno a 1840 cando se asenta no Río da Prata o que hoxe podemos entender como a maior colectividade galega no exterior. Este destino, sinalan as autoras, acabou sendo o preferente dos galegos que partiron dos portos de Vigo e A Coruña. Comeza, explican, a emigración en masa.

Para financiar as viaxes a través do océano, o campesiño galego «dispuña dalgún ben, como a terra, susceptible de ser vendido ou hipotecado». Unha vez que se arrincaba o fluxo migratorio, os galegos que chegaban e se asentaban no sur de América ían chamando polos familiares e veciños, «constituíndo auténticas cadeas migratorias».

O libro destaca como «este mecanismo microsocial» proporcionou medio de información, de financiación e de sociabilidade que facilitaron o que supuxo toda unha aventura migratoria en Galicia e a inserción laboral e social dos que chegaban ao novo mundo.

Unha vez instalados no novo continente, o volume de Hércules de Edicións destaca como se foi creando outra parte da historia de Galicia alén da terra. Así, créanse os movementos do asociacionismo galego, como irmandades, centros galegos, amigos dunha localidade, entre outros tipos. «A solidariedade e as relacións entre paisanos, a importancia da emigración feminina, os exiliados ou a integración nos países de acollida son aspectos fundamentais que analizamos polo miúdo ao longo do libro», sinalaron na presentación.

O volume está estruturado en oito capítulos, un por cada país: Arxentina, Uruguai, Brasil, Venezuela, Perú, Chile e Ecuador. Está previsto que este sexa o primeiro libro dunha serie con outros cinco volumes sobre a emigración española, a emigración a Europa, a emigración a Norteamérica e Centroamérica, a emigración a Sudamérica e un final titulado Os galegos no mundo.

Ademais das autoras citadas, no libro participaron profesores de universidades do Brasil, de Alemaña, de Vigo e da propia USC.

nova publicación historia de galicia no exterior