A Deputación inviste 675.000 euros para axuda no fogar

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

Critican que a Xunta retirase a subvención e recordan que teñen recorridos nos tribunais o decreto de servizos sociais

19 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

A xunta de goberno da Deputación aprobou un investimento de 675.000 euros para financiar o servizo de axuda no fogar (SAF básico) para os 66 concellos da provincia con menos de 20.000 habitantes. Segundo explicou o vicepresidente e responsable de Benestar Social, Antonio Veiga, esta partida supón un incremento de 25.000 euros máis con respecto ao 2013. Veiga recordou que a Deputación financia este servizo ata un tope do 70%, mentres que o resto correspóndelle aos concellos e aos propios usuarios que reciben este servizo. Neste sentido, criticou que a Xunta retirase a subvención para este fin e recorda que teñen recorridos nos tribunais o decreto de servizos sociais porque «a Xunta descarga sobre os concellos e sobre a Deputación o custe do servizo de axuda no fogar, cando por lei é a Xunta a que ten que financiar este servizo».

Aínda así, e pese ao incremento de fondos da Deputación, Veiga aclara que o diñeiro é «insuficiente para atender as necesidades e a demanda real existente». Explicou que hai 2.400 lucenses que están a ser atendidos, pero «hai outros moitos en lista de espera que tamén o precisan». Por iso, invitou á Xunta a «facerse cargo das súas responsabilidades e aportar financiamento para que os cidadáns que viven en zonas rurais e envellecidas como a provincia de Lugo reciban os mesmos servizos sociais que os que viven nas cidades».

3.000 postos de traballo

Veiga sinalou que ademais de beneficiar aos usuarios, con estas axudas estanse xenerando arredor duns 3.000 postos de traballo en toda a provincial. Dos 66 concellos beneficiados -Lugo queda excluído por ter máis de 20.000 habitantes e entrar no financiamento da Xunta-, só tres -Baralla, Meira e Paradela- recibirán este ano unha contía inferior á do ano pasado «por teren solicitado os propios concellos menos cartos».

O resto reciben polo menos a mesma contía que no 2013, «aínda que segundo o baremo non tivesen dereito a eses fondos», e outros 16 verán incrementada a subvención por aumentaren o número de usuarios atendidos e o número de horas de atención que lles prestan.