A noite lucense entregouse ao rock de Siniestro Total

Cristina López / Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

A chuvia deu unha tregua e o público encheu a Horta do Seminario

07 oct 2012 . Actualizado a las 14:50 h.

Despois dun día pasado por auga, a chuvia deu unha tregua pola noite, xusto para o concerto de Siniestro Total, que encheu a Horta do Seminario de xente de todas as idades. O espectáculo arrancou con forza, e puntual, co clásico Rock en Samil, e o público entregouse ao rock máis galego.

Os Siniestro Total repasaron temas clásicos, inevitables nos seus concertos, e tamén cancións recuperadas que formaron parte da súa xira Tierra Ignota que fixeron este ano.

Os artistas, con Julián Hernández á cabeza, agradeceron a entrega do público lucense e non deixaron de lembrar que na cidade amurallada sempre foran ben recibidos. Iso si, tamén matizaron que a riqueza de Lugo vai máis aló da súa Muralla. De feito, na súa web oficial, os roqueiros xa anunciaban onte pola tarde que, tralo concerto, quedarían pola cidade a gozar da noite lucense, do Domingo das Mozas e «do mellor polbo do mundo».

Siniestro Total é unha banda que se creou hai xa 31 anos, e forman parte da historia do rock galego, ao que lle aportaron temas como Bailaré sobre tu tumba, ¿Quiénes somos? ¿De dónde venimos? ¿A dónde vamos? ou Miña terra galega. O seu último disco, Country & Western, saíu á rúa no ano 2010.