«Este ano ata tivemos que subir un cocho nun ascensor»

La Voz

LUGO

22 ene 2012 . Actualizado a las 06:00 h.

José Doval, a muller e os fillos levan moitos anos criando porcos en Triacastela e vendéndoos pola zona oriental da provincia de Lugo e pola occidental da de León. Na actualidade, só acoden ás feiras de Becerreá e de Pedrafita. «Agora a xente chámanos por teléfono porque repartimos canais a domicilio e temos uns prezos axustados», comenta o tratante lucense. Este inverno a demanda de animais medrou moito. «Pídennos porcos de todos os tamaños». Os pequenos, que pesan en torno aos vinte quilos, custan sobre corenta euros e destínanse á ceba. Pero tamén se están vendendo moitos cochos de 100 e ata de 160 ou 170 quilogramos, xa cebados e listos para matar.

Os prezos destes varían entre os 130 e os 160 euros, dependendo de onde se merquen, se no matadoiro ou nun tratante, e de se van vivos, mortos sen preparar ou despezados e listos para salgar, conxelar ou embutir. Hai algunhas semanas, unha destas encargas deu lugar a unha situación curiosa. «Tivemos que subir un cocho morto nun ascensor», sorrí Doval, que aclara: «A señora que nolo comprou vivía nun piso en Ponferrada, e cando nos chamou xa nos dixo que llo leváramos mellor en trozos porque enteiro ía ser complicado», sorrí.

Aldeas abandonadas

O tratante viaxa moito pola zona do Bierzo, ata o Manzanal. Explica que alí a xente «empeza a volver habitar e a reparar casas que quedaran abandonadas». A este lado da fronteira non ocorre o mesmo. «Para a zona de Galicia non se ve que a xente retorne aos pobos e segues vendo as hortas abandonadas. Á matanza si volven, pero a vivir non», explica.