O sábado abriu de novo o Belén de Begonte. Son xa corenta as edicións na vida dun belén especialmente indicado para nenos e para todos os que saibamos sentirnos nenos diante del. Cando cumprimos vinte anos -eu «son do Belén» desde 1974- o pregoeiro foi o presidente Fraga. Cando hai vinte anos que cumprimos vinte (Serrat dixit) pregoou o presidente Feijoo na voz de Raquel Arias, porque obrigas do cargo impediron a última hora a súa presenza.
Grosso modo, as 40.000 visitas que cada ano recibe multiplicadas polas edicións celebradas reflicten algo máis de millón e medio de visitantes de toda Galicia, neste tempo no que os que acudiron novos aos seus comezos puideron levar aos seus fillos e agora aos netos, descubrindo (como coa miña neta Laura) que non chega con asistir a un pase do Belén, senón que hai que repetir, porque aos máis pequenos sábelles a pouco.
Sabendo a vella querenza que teño polo Belén, aínda hai xente que se desculpa cando me confesa que nunca foi velo. Eu procuro consolalos explicándolles que Begonte queda moi preto, que o Belén abre dous meses, e que temos toda unha vida por diante.
Agora, en vez do Belén de Begonte hai quen fala de Begonte do Belén para evidenciar que se ten convertido no «santo e seña» deste concello chairego. O que, sen dúbida, fará sorrir no ceo -que tiñan perfectamente gañado- ao seu fundador, o crego don José, e ao seu creador, Varela (Joselín), que se alguén hai santo, eles mereceron o galardón de «santo súbito» pola vida exemplar e dedicación a este Belén.