Acoso e Dorribo

Xulio Xiz

LUGO

En Lugo somos moito de facer festa ó que medra, e leña da árbore caída. Agora tocoulle a Dorribo. Aquí o éxito non se perdoa, e se un industrial medra de xeito imparable logo consegue a sona de traficar na fariña e durmir no cárcere de Bonxe. O que triunfa é porque traga, e o que non é que non vale. Jorge Dorribo saíu da nada e subiu meteoricamente. Cada tema que tocaba, como se fose un moderno Midas, volvíase de ouro. E foi exemplo de novos emprendedores e vellos negociantes, engaiolando a todos.

Se o que contan é certo, Dorribo é todo un tiburón dos negocios e, independentemente dos métodos nos que ten competencia a Xustiza, hai que recoñecerlle imaxinación desbordada e hiperactividade alucinante.

Ten que ser un crack, cun grande círculo de amigos-colaboradores, para poñer en marcha en poucos anos tan variadas iniciativas que merecían mellores procedementos e máis sensatez. Nun tempo, longo a eses efectos, Dorribo foi unha especie de Rei industrial de Lugo, e todo Lugo lle rendeu pleitesía durante varios anos. Ata que lle chegou a hora, e os que nel máis confiaron acoden agora ós tribunais, a Xustiza aterriza sobre as súas actividades, e o Lugo que pasma comeza a afirmar con rotundidade: «Iso, eu xa o vía vir». Cando todos sabemos que ese Lugo que pasma, todos nós, somos a eses efectos cegos de solemnidade.

Despois dos momentos de gloria, durísima é sempre a caída. Non houbo previo acoso; o acoso prodúcese agora, neste momento, despois do derribo de Dorribo. E sen embargo -e non só porque sexa merecente dunha segunda oportunidade-, un «armadanzas» como Dorribo, con máis xeito, aquí ou lonxe, seguro que aínda ha dar moito que falar.