O sábado da feira do viño de 2010, o presidente da Xunta visitou Chantada. Mentres o goberno chantadino agardaba no Concello para facerlle unha acollida axeitada e cumprir coas esixencias de cultura democrática, asemade, uns pillabáns torcíano por bares e rúas ata chafar a hora do encontro. (Eran algúns dos que despois o domingo sen problema, se parafusaban no palco de autoridades). Naquel intre esquenceran estes autores que tal intencionado desleixo fora considerado un desprezo á nosa cidadanía. Hai semanas, outro dignatario do Goberno galego achegouse a un centro de ensino na Lama das Quendas. De semellante xeito, a mediocridade fociñuda dos mesmos, fixo que ningún lexítimo gobernante municipal da nosa vila estivese no sitio. Igual actuaron nestes días coa visita aquí da conselleira de Traballo e Benestar, de vergoña. En fin. Actitudes sectarias de quen aproveitan as institucións para as arroutadas electorais e non como mecanismos de orde social para o que foron xurdidas.
Estas oligárquicas actuacións dos executores do arranxo, habería que telas presentes como lección do que nunca debería facer ningún dirixente político. Tolerancia e cortesía son virtudes esenciais para evitar este tipo lerias; tan postas de moda nas ringleiras de certo partido, últimamente. A temeridade coa que xestionan os actos oficias no pobo (agora non digo internos) sería merecente de páxina enteira na prensa. En calquera caso, tampouco así, se vería correxido o alto déficit de respecto institucional que demostran istes dous capataces da política.