Este Antroido, as rúas da tradicional ruta do viño tiveron días con ambiente semellante ó das celebracións do San Froilán, de xeito que os que iamos en grupo tiñamos que ir buscando acomodo, en moitos casos infrutuosamente.
Na procura dun anaco de conversa e refrixerio, deixámonos ir costa abaixo cara á Tinería, e resultou que alí era perfectamente posible. Pola rúa camiñábamos en solitario e no bar no que entramos o noso grupo era superior a todos os demais xuntos. Dous días despois, o propietario do Pazo de Orbán denunciaba en La Voz problemas na zona, o seu cansazo, a mala imaxe do barrio e a prostitución na rúa.
A Xunta «mollouse» na reconstrucción do barrio e levou alí a Oficina de Turismo, tentando que Lugo recupere a súa historia, coidando que a Tinería é un lugar de futuro nunha cidade que como calquera corpo non pode amputar en vida un dos seus órganos, senón disfrutalo en plenitude.
Lonxanos os tempos en que a Tinería era lugar non visitable para a maioría da poboación, a sociedade lucense ten o deber de posuír este barrio para o seu traballo ou lecer, e sen negar o dereito a que cada quen exerza en liberdade a súa profesión -algunha, necesariamente no ámbito máis recóndito-, o concello non pode seguir facendo que esquece que aquí hai un problema, que non ten razón de ser. Porque non pode permitirse que este xermolo dun Lugo peatonal, familiar, moderno con aire antigo, xuvenil con marco vetusto, fracase porque os lucenses non entramos nel. Porque o tememos, ou non o coñecemos.