«Cunqueiro é o mindoniense máis universal pero é patrimonio de todos»

A.?F.?Cuba MONDOÑEDO?/?LA VOZ.

LUGO

En Mondoñedo celebraranse algúns dos actos centrais da conmemoración do centenario do nacemento do escritor, con conversas, maxia ou exposicións

15 ene 2011 . Actualizado a las 02:00 h.

A cidade de Mondoñedo xa se está preparando para vivir as celebracións conmemorativas do centenario do nacemento de Álvaro Cunqueiro (Mondoñedo, 1911-Vigo, 1981). Será un ano ateigado de actos en memoria do ilustre escritor e xornalista, «o máis universal dos mindonienses», en palabras do alcalde, o nacionalista Orlando González Cruz.

-¿Que actos programan desde o Concello de Mondoñedo para esta efeméride?

-Primeiro, nós somos copartícipes dunha xunta que está integrada polo Concello de Vigo, as tres universidades galegas, o Consello de Cultura Galega, a Xunta de Galicia e o Concello de Mondoñedo. Esta xunta está elaborando unha relación de actividades que se levarán a cabo durante todo o ano por toda Galicia. A presentación terá lugar o día 17 de xaneiro en Santiago. En Mondoñedo haberá dúas actuaciones dentro deste programa de actos, unha o 21 de abril, día no que Cunqueiro tomou posesión da Real Academia Galega (RAG). Será no Seminario de Mondoñedo, no salón de actos, cunha xuntanza organizada pola RAG e outras actividades que aínda están por deseñar. E en Mondoñedo rematarán os actos do Ano Cunqueiro, o día 22 de decembro, cun faladoiro da maxia e a palabra. A maiores disto haberá unha exposición da editorial Galaxia, itinerante polas sete cidades principais de Galicia e por Mondoñedo, onde estará aberta no mes de agosto. E a Consellería de Cultura, cunha aportación da Deputación Provincial de Lugo, está preparando actividades a maiores destas, hai varias ideas sobre a mesa que se irán concretando en breve.

-A figura e a obra de Cunqueiro trascende o ámbito de Mondoñedo, pero para a súa urbe é un acontecemento...

-Cunqueiro é o mindoniense máis universal, pero é patrimonio de todos os galegos e por iso se van facer actividades conmemorativas en toda Galicia. Pero en Mondoñedo teremos moitísimas cousas relacionadas co centenario de Cunqueiro. O 29 de febrero faremos a ofrenda floral e a lectura de textos do escritor; hai algunha asociación que están pensando propostas, pero que aínda non están definidas. Pero este ano, a maiores dos actos de Mondoñedo, haberaos en toda Galicia e incluso mesas redondas en Barcelona e en Madrid. A súa figura trascende o nivel de Galicia e incluso de España, e a través do Instituto Cervantes, o recoñecemento a Cunqueiro acadará carácter internacional aos cen anos do seu nacemento.