Co obxectivo de seguir cooperando coas entidades locais e de planificar mellor e con máis rigor as actuacións a desenvolver nos municipios da provincia, o presidente da Deputación remitiulles aos alcaldes e alcaldesas unha carta na que lles anuncia a posibilidade de abordar accións específicas de cooperación cos Concellos de cara a garantir a prestación dos servizos municipais básicos e co fin de facer fronte á situación financeira derivada das restricións orzamentarias que todas as entidades locais están a padecer nestes momentos.
Seguindo nesta liña de colaboración do organismo provincial, a Xunta de Goberno da Deputación deulle onte o visto bo ás preto de 70 obras pactadas cos nove concellos máis poboados da provincia, que se beneficiarán dos 9,5 millóns de euros cos que está dotado o Plan Complementario, posto en marcha para intensificar o apoio aos municipios que exercen como motores comarcais e dinamizadores da economía.
Por outra banda, dentro das actuacións do canon 2010, aprobouse a contratación da segunda fase das obras do auditorio de Chantada por valor de 902.443 euros e seis meses de execución.
Aprobáronse ademais subvencións ao Concello de Burela para unha pista de padel, actividades culturais e melloras na Casa da Xuventude; ao de Monforte para equipar o Centro da terceira idade e para actividades culturais; ao de Barreiros para rehabilitar as escolas de Celeiro de Mariñaos e ao C.D. Foz para acondicionar aseos e vestiarios do campo de fútbol.