Para chegar a unha saudable convivencia humana, vivir a xustiza e en actitude de servizo e amor aos demais, mentres esperamos a plenitude da nova creación, precisamos de moitas axudas. Unha delas, dentro da fe dos cristiáns, é a crenza na axuda dos anxos.
Creamos ou non, canta falta fai aos humanos que alguén nos bote unha man, neste noso perigoso mundo. Os católicos vimos de celebrar algunhas das festas máis sonadas. Hai días, as dos arcanxos Miguel, Gabriel e Rafael e, onte, a dos Santos Anxos da Garda.
Os anxos, segundo a Biblia (que os presenta con figura humana) son seres espirituais, creados por Deus (antes cós humanos) e están intimamente unidos e relacionados coa historia da salvación. Aparecen na Antiga Alianza (pobo de Israel) e na Nova (Xesús, Cristo e Igrexa). Colaboran con Deus. Son os seus mensaxeiros. Ao servizo de Deus.
Neste contexto relixioso-cultural, a Policía (nacional e autonómica) celebra a súa festa, pedindo protección especial na súa, ás veces, arriscada profesión. Como tamén adoitan facer, desde vello, milleiros de labregos e labregas do rural galego. Tamén no resto de España e Europa. O ser humano precisa de reforzos sobrenaturais para amañar as súas carencias.
En Vilasol, no Padornelo, celebran festa comarcal. Desde o século XIX, cando o das levas e as guerras de Cuba e Filipinas. Despois, o servizo ao rei, as minas e a emigración a América. Agora, os seus fillos e netos, seguen a ter que ir fóra, xa que non hai traballo na terra.
Os anxos non fallan. Nosoutros, os humanos, si. Case sempre. Non somos anxos uns para os outros. Non poñemos a parte que nos toca: a solidariedade, o amor.