Eslabóns

Carlos Ferreiro

LUGO

Parece que por fin, a historia xirouse para mirarlle aos ollos a esta provincia e así, pacientemente, sen facer ruído, poder engarzar os eslabóns que faltaban.

Ramiro Rivas chegou a Portomarín o pasado mes de agosto. Pensarán vostedes que sería un peregrino -non lles falta razón- pero o que Ramiro buscaba non era o sepulcro do Apóstolo. Buscaba outro aínda máis sagrado, o do seu pai. Xa tiña esperado máis de 70 anos e agora dez mil quilómetros non deberon parecerlle obstáculo. Viña dende Arxentina porque quería estar alí, xusto alí, mentres desenterraban os ósos do seu pai. A José Antonio, que así se chamaba, déronlle o paseillo un domingo, un 30 de agosto do 1936. Setenta e catro anos despois, tamén en agosto, o seu fillo volveu para poñerlle nome a aquel montón de ósos. É importante poñerlle nome ás cousas porque se non deixan de existir, desaparecen.

Tamén en agosto soubemos dunha foxa común no Concello de Triacastela. Tres guerrilleiros antifranquistas que volvían do pasado para reencontrarse cos seus e revelar o segredo que se escondía en Vilavella.

E agora é o nome de Severino o que resoa en medio mundo. Severino Rivas Barja, alcalde de Castro de Rei durante a República e que no outono do trinta e seis o asasinaron ao lado da capela de Cortapezas, en Portomarín.

O seu nome resoa en medio mundo porque a xustiza Arxentina chama ás portas da historia de España para intentar endereitar as liñas do noso pasado e é que Darío, o fillo de Severino, conseguiu que se reabra a investigación sobre os crimes do Franquismo: «Os meus letrados seguirán ao franquismo ata onde Garzón non puido». Continuará.