Artesáns e veciños recrean o traballo do tecido tradicional na segunda edición da Feira de Atnografía e Artesanía
06 sep 2010 . Actualizado a las 02:00 h.O Incio volveu onte aos tempos nos que os montes non estaban cheos de pinos, senón de centeo, trigo, cebada ou liño. A localidade celebrou a segunda edición da súa Feira da Etnografía e Artesanía. O certame estreouse o ano pasado cunha convocatoria adicada ao pan e á malla. Esta vez, o argumento central da festa eran os traballos do tecido tradicional con liño e la.
«A colaboración da xente foi extraordinaria outra vez», contaba onte na praza a concelleira María Gallego. A convocatoria está impulsada polo Concello, pero a participación de veciños e asociacións é fundamental. Igual que o ano pasado, a preparación da festa empezou na primavera coa plantación do liño nunha finca cedida por un veciño no lugar da Carralcova e incluíu todos os pasos previos que permiten transformar a planta de liño en tecido. E para todo iso, ademais de man de obra voluntaria foi precisa a participación dos veciños que teñen idade suficiente para recordar que son e como se utilizan ferramentas como os peites de ripar, as espadelas ou os mazos cos que se vai traballando a o liño desde a súa recollida.
Eses mesmos maiores foron tamén os protagonistas da festa, porque dirixiron, vestidos como os labregos de hai un século, as demostracións das distintas fases do traballo co liño e coa la que se puideron ver onte durante toda a mañá. As exhibicións fixéronse na parte baixa da vila, ao tempo que na praza máis de trinta postos mostraban todo tipo de produtos artesáns, entre a música dun grupo de gaiteiros e a actuación don cego como os que en tempos cantaban coplas polas feiras. Á festa acudieron centos de persoas do Incio e de localidades próximas, entre eles o vicepresidente da Deputación, Antón Bao.