Segundo o BNG de Baralla, o programa das festas de San Vitorio deste ano «é moi pobre, lonxe do que merece unha festa de moi fonda tradición no concello e arredores». Para o voceiro nacionalista, Xosé Manuel Becerrea, «é ben rechamante que se presuma de cinco días de festa cando na maior parte non hai practicamente actividades». O Bloque pon como exemplo o día do patrón, no que entre as dúas da tarde e a verbena só se programou a actuación dun mago. Os nacionalistas botan en falta máis actividades culturais e lúdicas, que permitan encher estes días de festa e recuperar a forza dunha celebración que conta con gran acollida na comarca e mesmo fóra dela. Quéixanse ademais de que as rúas non contan coa iluminación festiva de todos os anos, e de que «se van gastar cartos públicos de todos nunha comida do alcalde para os seus convidados o vindeiro domingo». Becerra conclúe que «a cor e a imaxe do cartel son representativos da pobreza do programa».