A Festa da Asunción

Xesús Mato

LUGO

Hoxe é a festa da Asunción de María. Unha das meirandes dedicadas á Nosa Señora, Mai de Deus e da Igrexa. Xunto coa Natividade (8 setembro) os antepasados nosos nos deixaron enraizadas na nosa cultura e devoción populares. Celebrémolas, agradecidos! Nesta festa miramos a María como Mai e Imaxe da Igrexa triunfante. Ela é Garante do cumprimento das promesa de Cristo Resucitado. Hai que celebrala en coherencia e alegría xa que festexamos futuro, o «Máis Alá» A Plenitude, na compaña/amor de Deus. De momento estamos no «acó», no concreto da nosa vida diaria. No tempo tamén das responsabilidades. Que deben ir na liña de María, a que, segundo súa prima Sabela, foi «ditosa e bendita entre todas as mulleres porque creu no plan de Deus sobre Ela» María é o prototipo da muller sinxela, servidora, crente e fiel a Deus e ao seu Plan.

María é singular. A primeira crente e modelo dos cristiáns. Non polos piropos que lle teñen dedicado senón porque foi quen de levar á súa vida a doutrina liberadora do canto do pobo de Deus do Magníficat. Atribúelle a súa forza a Deus, dá grazas, acolle e asume a súa misión confiando e fiándose plenamente do Señor. Iso é, realmente, a fe cristiá. Foi fiel e constante. A súa actitude e dispoñibilidade, o seu SI a Deus, foi revolucionario e valente. Hoxe en día, precisamos das mesmas actitudes do seu Fillo e noso Mestre Xesús e de María, moi claras no Evanxeo. As mulleres do noso tempo (e con elas, todos os católicos) temos a obriga de colaborar en que se lles recoñeza o papel, o labor, o testemuño, a dignidade e a igualdade na Igrexa conforme o Vaticano II. María é testemuño gozoso da reivindicación do papel da muller na Igrexa de Xesús. Ou non!?