Coma se fose o Guadiana, de cando en vez aparece e desaparece a idea dunha fundación presidida pola infanta dona Elena, Duquesa de Lugo. Temos que remontarnos ao 26 de xaneiro de 1998, cando Manuel Fraga informou a El Rei da Fundación Duques de Lugo na audiencia que lle concedeu con motivo da súa segunda reelección como presidente da Xunta. Ao ano seguinte, na visita realizada polos duques á cidade con motivo do primeiro aniversario do seu primoxénito, Orozco, que estaba estreando o seu cargo de alcalde, dixo que aproveitaría a visita para intentar impulsar a posta en marcha da fundación, cuxos obxectivos poderían enfocarse cara á rehabilitación do casco histórico.
Pasaron 12 anos e seguimos mareando a perdiz. Empresarios e asociacións están de acordo en que sería interesante para a cidade e a provincia, pero atopámonos con dous problemas, un que non saben a que se debe dedicar, e outro que non hai quen tome a iniciativa. Mentres o alcalde agora suxire como obxectivo algo relacionado coa gandería, mentres outros prefiren a Muralla. Como xa comentei noutros artigos aquí aínda non se decataron de que a nosa riqueza é a arqueoloxía. Modestamente creo que unha fundación presidida por unha infanta de España, vaille máis un obxectivo cultural que un gandeiro, aínda que lle gusten os cabalos, sen deixar de valorar por iso a importancia deste sector na provincia e ata no municipio.
A riqueza da cidade, insisto, é o seu patrimonio arqueolóxico e monumental que hai que rescatar, consolidar, restaurar, catalogar, estudar, difundir e exhibir. E estes deberían ser os fins principais da posible Fundación Duquesa de Lugo: o Patrimonio Arqueolóxico e Monumental da cidade. ?Podería servir como exemplo a Fundación del Patrimonio Histórico de Castilla y León, da que son entidades fundadoras, ademais da Junta de Castilla y León, seis caixas, as de Burgos, Ávila, Segovia, Caja España, Caja Círculo e Caja Duero, ás que se unen entidades que colaboran economicamente para cada proxecto de restauración e recuperación do patrimonio moble e inmoble. Agora que estamos en vésperas de eleccións ¿hai algún partido disposto a sacar este tema adiante?