Hai que ver cantos cambios se están a dar nesta nosa curiosa e esperpéntica sociedade. Incluída Galicia. Imos falar do tan cacarexado e polémico voluntariado social. Está de moda. Agora tamén para os maiores. De principio, boa nova, pero totalmente no ar.
O martes apareceu nos medios esta noticia. Ven da Xunta. Desde Traballo e Benestar: «100 iniciativas para mellorar a imaxe dos maiores para que pasen de destinatarios a definidores das políticas dirixidas ás súas necesidades» Qué gozoso futuro nos espera!
Só «para mellorar a imaxe dos maiores!?» Mal comezo. Hai máis: «Aproveitar a sabedoría e experiencia do sector creando unha rede de mentores integrada por xubilados. Eles guiarán aos xoves que se inicien no mundo empresarial». Hai que sacarlle o sombreiro á conselleira. O peor é que co mesmo anuncio xa chegaron as rebaixas. Que mágoa!
A letra pequena fala dunha proposta, proxecto para asociacións e concellos. A Xunta, só intermediaria. Vende ideas, fume. Non se implica. Nace sen fondos. Pouco futuro se lle ve. Cheira a eleccións, a propaganda. Cuspidiño o voluntariado do Xacobeo, causa de pelexas e de mal emprego de cartos. Máis chiringuitos!? Agora, a conta dos vellos.
Se os orientasen a empregar ben o tempo libre, a buscar calidade de vida ou darlles razóns para exercer un voluntariado xusto, libre e solidario en vez de fartalos de viaxes, comidas ou adormecelos cos medios de comunicación (TV á cabeza)... aínda se podería esperar algo serio e firme. Pero non. O venres, mudaron de parecer e van unificar todo na «Axenda Galega de Servizos Sociais» Mudar todo para non variar nada. Xa verán!
redac.lugo@lavoz.es