Sons Creativos, que se desenvolverá do 13 ao 15 de maio, afondará na relación entre os lugares e os seus sons
30 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.A relación entre a música e os espazos será o eixe da segunda edición do encontro «Sons creativos, outra maneira de entender a música», que se desenvolverá en Lugo dende o día 13 ao 15 de maio. Este ano o encontro está dedicado a Concha Jerez, artista e profesora da Facultade de Belas Artes de Salamanca, e a José Iges, que dirixiu durante moito tempo o programa musical Ars Sonora de Radio Clásica. Ambos son dende hai anos unha unidade no mundo da creación musical.
Precisamente Jerez e Iges serán os encargados dunha das intervencións sonoras que se levarán a cabo durante a celebración deste encontro. Ademais de intervencións sonoras, a programación de Sons Creativos inclúe presentacións musicais, concertos e unha mesa redonda. Como actividade complementaria celebrarase unha exposición literaria.
Este programa xurdiu da idea de facer un intercambio musical entre a USC e outras universidades ou colectivos de música contemporánea e experimental, ao tempo que serve de foro de encontro para os compositores e creadores musicais máis vangardistas do panorama nacional.
Inscrición ata o 11 de maio
As persoas interesadas en participar nesta actividade pódense inscribir dende hoxe e ata o 11 de maio na Oficina de Cultura do Vicerreitorado do campus de Lugo, na praza Pío XII.
Ademais dos representantes das cinco entidades que conforman o convenio Lugo Cultural, á presentación desta segunda edición de Sons Creativos asistiron tamén a compositora e directora do grupo de creación musical da USC, Inmaculada Cárdenas, e o compositor, instrumentista e musicólogo valenciano Llorenç Barber, que presentou diante da Casa do Concello Música volante para a praza Maior de Lugo, unha creación artística cunha ringleira de campás pensada para dotar dunha sonoridade diferente a este espazo do centro histórico lugués.
Pola tarde Barber presentou na Fundación Caixa Galicia unha obra que fai un repaso pola traxectoria musical e sonora de España, abordando o tránsito dende o feito de concibir a música como recreo, virtuosismo ou soño, ata apreciala sen ter en conta o propio son ou o instrumento, senón valorando a situación que crea e todas as conexións que é capaz de xerar.