Apego ao noso terruño

Carlos Ferreiro

LUGO

30 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Do que hoxe lles quero falar é do apego á terra, do terruño. Nada de patriotismos nin nacionalismos, nin tan sequera localismos. Este é un apego sen carga ideolóxica pero enraizado no máis visceral e irreflexivo de nós. Ollo!

Xa todos coñecemos a afección que en Galicia lle profesamos á terra. A cousa remárcase se á palabra lle antepoñemos algo así como a miña, a nosa...  Agora si. Agora a cousa cambia. Aquí xa os hai que ata están disposto a matar. Acórdaste de mengano que lle meteu tres tiros a fulano por moverlle un marco da finca? Pois iso.

Aínda así, certo grao de miopía democrática fainos observar o público como algo alleo. Próximo no uso, si, pero afastado, distante en termos de propiedade. Por sorte, cada vez máis, ímolo superando.

Logo de tanto circunloquio, o que aquí lles quero dicir é que me amola -vaia, outro eufemismo!- o do aparcadoiro do novo hospital de Lugo. Non é polo feito de que o PP trate de institucionalizar o negocio dos "gorrillas". Non, que va! Podería parecer miserable pero non é iso. É que ese aparcadoiro é meu. Meu! É meu, é teu, de Luís, de Ricardo, de Belén... é de todos os lucenses, dos que cedemos os terreos e pagamos a súa construción -por certo, Pilar Farjas é de Teruel.

Así, outra vez máis, a sorte será unha cuestión fortemente influenciada polos cartos. Quen teña pasta terá a sorte de aparcar xusto ao lado da porta de entrada e o que non...

Parecería lóxico esixirlle a cada un, que menos, o que é capaz de facer. Por isto mesmo e á vista dos resultados, procuraremos esixirlle o menos posible a esta Xunta do Partido Popular.

redac.lugo@lavoz.es