Colectores, sinais, letreiros e esculturas que afean Lugo

Adolfo de Abel Vilela

LUGO

Numerosos elementos ocupan espazos públicos na cidade ocultan moitas veces a beleza dos nosos monumentos

14 mar 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Cando José López Orozco chegou á alcaldía, presenteille un dossier con fotografías sobre cuestións de estética, fáciles de solucionar e baratas porque moitas afectaban á localización de colectores do lixo, sinalizacións, moitas delas repetidas, ou o estacionamento en lugares de impacto visual xunto a monumentos. Tomouse en consideración pero co tempo o tema dos sinais volveu a dexenerar, como no caso das inmediacións da capela de San Roque onde se situou un paso de peóns o que obrigou a colocar pegado ao monumento a correspondente sinalización horizontal e vertical, e outras máis. Antes había unha, agora hai tres. Tamén é unha cuestión de estética urbana conseguir a homoxeneidade do mobiliario das terrazas, e o fracasado intento de contar cuns letreiros acordes coa contorna, para o que se convocaron axudas. Son boas iniciativas nas que se debe de insistir e analizar a razón do fracaso. Os letreiros e outros elementos comerciais Desde hai moitos anos a cidade ten un problema cos letreiros, toldos, persianas e outros elementos que se poñen nas fachadas dos edificios e que non se adaptan ás normas que hai para eles, de maneira que moitos son ilegais. O actual goberno, ao que lle hai que dicir «tarde e en mal momento piache», trata agora de pór orde coa interferencia oportunista dunha parte da oposición, que debería de ter en conta que as normas ou se cumpren, ou se modifican, ou se eliminan. Pero mentres están vixentes débense de cumprir. Agora ben. O PEPRI din que se vai a reformar, e apláudoo. É necesario corrixir baleiros, erros, defectos e incoherencias dun documento que algún funcionario do Concello ségueo de P a PA ata o punto de dicir que «o que di o PEPRI vai a misa». Como é evidente se está mal non pode ir a ningures e compre revisalo. Por iso se debería de agardar para ver que dirá nesta materia, para evitar que o que agora é ilegal, mañá poida seguir sendo ilegal ou se converta en legal, ou ao revés, por cambio de criterio, cousa que tamén se dá. Pero o grupo de goberno tamén debe de ser coherente co que di que hai que facer e debe ser o primeiro en cumprir para dar exemplo. Debería retirar a lona que ten colocada como letreiro tapando unha fiestra no Centro de Interpretación da Muralla, para que a súa provisionalidade non adquira status de permanente, e non dar como premio ou distinción letreiros aos comerciantes que segundo os funcionarios municipais non cumpren coa normativa. Con motivo do desenvolvemento de Plan de Excelencia Turística, a concellaría do ramo deu a algúns comerciantes un letreiro en metacrilato con fondo azul e a lenda «Compromiso de calidad turística», que agora lles mandan retirar con advertencia de sanción porque non cumpre coas cores sinaladas no PEPRI. Iluminación dos monumentos É outro aspecto da imaxe que se mellorou, pero no que aínda hai carencias. Substituíuse a primitiva iluminación da Muralla, financiada por Fenosa, á que no seu momento puxo reparos Cultura. Un dos seus defectos é a ocultación dalgúns proxectores, que molestan aos peóns e aos automobilistas nalgúns tramos. Pola súa banda a Consellería fixo a iluminación do adarve, cuns proxectores moi discretos, que periodicamente son obxecto de saqueo e vandalismo, sen que despois se teña dilixencia na reposición, pasando ás veces meses. A Casa do Concello, a catedral e o palacio episcopal están ben iluminados. Tamén se iluminou o monumento ao Bimilenario, a igrexa de San Bartoloméu (parroquia de San Froilán), neste último caso creo que de forma pouco discreta, pero aínda carecen de iluminación a capela de San Roque, a do Carme (antiga da Virxe do Camiño), a Sala Porta Miñá, a igrexa de San Francisco e o Museo Provincial, e as igrexas de Santo Domingo e Santa María A Nova, que deberían de contar con ela. Tamén se deberían iluminar determinados edificios particulares, que teñen caracter de monumento, como o edificio do antigo cárcere episcopal no Campo do Castelo, outros tipo pazo, e os escudos das casas que o teñen. É un xeito de chamar a atención do viandante sobre algúns elementos artísticos das fachadas.