Caixa Rural Galega

Xulio Xiz

LUGO

Énchesenos a boca falando da fusión das dúas caixas, Caixagalicia (Caixacoruña) e Caixanova (Caixavigo), como se fose a solución de todos os problemas. Que é verdade que interesa a Galicia que as dúas entidades se fusionen, polo ben da economía do país.

Pero hai máis vida no panorama galego do aforro e da economía. Caixa Rural Galega, con sede en Lugo, ven de lembrar a súa existencia anunciando que pechou 2009 cun beneficio de 2,8 millóns de ?, cifra modesta na que recoñecen unha diminución do 21,7% en relación co ano anterior, razoable se temos en conta a crise que afecta ó mundo económico galego.

Certamente Caixa Rural Galega, con 129 empregados e un volume de negocios de arredor de mil millóns de euros, non pode compararse coas outras dúas caixas galegas, pero é un testemuño de resistencia diante da invasión globalizadora, supervivinte das entidades que foron sendo absorbidas por outras máis poderosas en detrimento dos pobos que as crearon -Lugo e Ourense son exemplos- e viron alonxarse os centros de decisión cara a Coruña e Vigo, sedes das entidades coas que se fusionaron.

De inspiración rural, funcionamento autónomo, e tendo a Antonio Rosón como santo patrono nas primeiras décadas de funcionamento, Caixa Rural Galega é un símbolo de que outras fórmulas son posibles, e que non só as macroentidades poden ter lugar neste mundo globalizado onde se non tés tamaño de dinosaurio ninguén da nada pola túa pervivencia. «E pur si muove», que diría o clásico. Leva moitos anos funcionando de xeito independente e ninguén diría que vai precisar asociarse a ningunha outra para seguir camiñando.