Talladas en tempos de crise

Carlos Ferreiro

LUGO

12 feb 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Todos entendemos de economía, ou iso parece. Escóitase falar de fluxos de tesourería e de pasivo diferido coa mesma facilidade coa que o mecánico me comenta que teño un problema coa buté e a maza do embrague e a un, humildemente, formúlaselle a mesma pregunta nos dous casos: será grave?

Os que son economistas falan; os que non tamén. O que dispón de titulación que acredite repíteo monotonamente igual que a bióloga Ana Obregón, pero todos, moi duchos e moi doutos na materia, móstranse extremadamente torpes nas destrezas comunicativas. Aínda así, o que se lles supón a todos, como a valentía no exército, é a prudencia nas declaracións.

Prudencia e responsabilidade para devolver, sen enganos, a confianza aos mercados (os cidadáns tamén somos ese mercado). O que resulta irrefutable é que a situación económica que nos ocupa ten moito de crise de confianza. E nisto da confianza, o quinto poder, o que tan ben retratou Ramonet en Le Monde Diplomatique , tamén ten a súa parte de responsabilidade.

Nesta liña, esta mesma semana puidemos ler de todo. Dende un descrédito directo á imaxe de España nos mercados financeiros internacionais a cargo do Financial Times -periódico de cabeceira dos especuladores que non perden nesta crise- ata un engurrado Adolfo Domínguez lembrándonos que ademais da arruga, o despedimento libre tamén «es bello». Entremedias, o legado de Álvaro Gil e con el, as presuntas intencións duns herdeiros en tempos de crise. Pero nisto, outra vez máis, a Deputación, nas figuras do presidente e o vicepresidente, dando leccións a propios e estraños do que é o traballo en sincronía e lealdade.