O Bloque demanda do Ministerio de Fomento que acometa con urxencia as melloras necesarias na estrada N-640 Lugo-Meira-Ribadeo, tanto no estado do firme, moi deteriorado, coma no trazado, principalmente no relativo á eliminación de puntos negros. Os nacionalistas queren que estes traballos sexan licitados pola vía da urxencia, para que as reparacións sexan acometidas este ano.
Membros do BNG desprazáronse onte ata as curvas de Couto de A, no municipio de Castro de Rei, para denunciar o mal estado no que se atopa esta estrada de titularidade estatal, e para anunciar a presentación de dúas iniciativas, unha no Parlamento Galego e outra no Congreso dos Deputados, para reclamar a licitación urxente dos traballos necesarios de pavimentación e mellora do trazado desta estrada, que soporta unha elevada densidade de tráfico, ao ser a principal vía de comunicación entre Lugo capital e Asturias, debido á lentitude na construción da autovía do Cantábrico.
Tal como sinalaron os nacionalistas, «a estrada Lugo-Meira-Ribadeo presenta un evidente estado de abandono e deterioro, en especial no tramo de 80 quilómetros comprendido entre o límite con Asturias e a cidade de Lugo, e aínda que se fixeron melloras nalgúns tramos, estas obras non afectaron á supresión dos puntos negros, onde é urxente realizar un cambio do trazado debido á perigosidade das curvas. O exemplo máis claro é Couto de A, onde se veñen rexistrando reiterados accidentes».
Os membros do BNG engadiron que «as nevadas e xeadas dos últimos días contribuíron de maneira importante a incrementar o deterioro do firme, de xeito que o pavimento presenta numerosas fochancas que complican a circulación e diminúen a seguridade viaria».
Vía de conexión coa costa
A N-640 é unha das principais vías de comunicación da provincia de Lugo, pois conecta a cidade coa costa, pasando polos concellos de Lugo, Castro de Rei, Pol, Pastoriza, Meira, Riotorto, A Pontenova, Trabada e Ribadeo. Ademais, actúa como vía de comunicación interna entre os concellos xa citados, sendo utilizada a diario polos veciños para os seus desprazamentos máis próximos.
Na iniciativa presentada a pasada semana polo voceiro do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, referíase particularmente ao caso da Pontenova, onde a estrada N-640 constitúe unha travesía urbana e o principal eixo de comunicacións do municipio. A pesares disto, o firme está cheo de baches.
Jorquera incidía tamén no aspecto xa apuntado do importante volume de tráfico que soporta esta estrada, debido non só á lentitude na construción dos tramos galegos da A-8, senón tamén ao atraso que acumula o último tramo da estrada LU-113, Rozas-Abadín, que acercará a cidade luguesa á Transcantábrica. A isto hai que engadir que o tramo da N-640 entre Lugo e Paraxes, onde enlaza coa LU-122, absorbe un elevado volume de tráfico de pequeno percorrido, como por exemplo o que conecta Lugo coa Pastoriza, ou a capital lucense cos municipios da comarca central da Mariña luguesa.
Os nacionalistas lembraron por outra parte que son varios os colectivos sociais que veñen reclamando que se acometan as necesarias melloras na N-640, xa que a situación na que se atopa actualmente dista moito de ser a que lle correspondería a unha estrada nacional.