Aprender dos erros propios e alleos é de intelixentes. De obrigado cumprimento en toda persoa que ten por mandato e/ou misión o servizo á sociedade. Necesario en toda persoa humana aberta á verdade, o meirande valor que nos leva á xustiza, á convivencia, á paz.
Os galegos e galegas vimos de padecer no propio ser e na propia terra unha morea de feitos e discriminacións, causa de liortas e divisións. Todo pola fala materna (a que nos identifica como galegos/as), poñendo en perigo a nosa lingua e a nosa xa cativa autoestima.
Para mais inri, con orixe no poder constituído. Sen urxencia algunha. En tempos de paz. E de crise. Que veñan a botar máis leña ao fogo, creando malestar xeral, desconfianza e divisións, as forzas políticas, que teñen por obriga crear canles de paz e diálogo, non ten senso. Soa a esquizofrenia. Nun pobo maltratado ao longo da súa tamén longa historia.
Deberiamos camiñar todos na mesma dirección. Para iso é necesaria máis ca nunca unha actitude de escoita. Tanto desde o poder político (goberno/oposición), como desde as forzas sociais (sindicatos, eido educativo, económico...). Mesmo desde a Igrexa. Hai que escoitar máis para poder tender pontes e estar mais preto das persoas e das súas situacións reais cotiás.
Hai sinais que animan á esperanza. Marcha atrás na publicidade do Xacobeo, no diálogo, no da solidariedade ante Haití. Tamén a Igrexa (a través de Migracións) abrindo portas aos «sen papeis». Que os políticos non nos contaxien pasando ao pobo as súas pelexas e liortas (de vergoña e escándalo) nos parlamentos, estatal e autonómicos. Se queren que nos fiemos deles. Rectificar non é o mesmo que ratificar, seguir a facer o mesmo.