O meu sentido pésame

Xulio Xiz

LUGO

12 ene 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Como somos un pobo tremendamente vital, temos especial relación co pasamento dos familiares, dos amigos, dos coñecidos. E todo o que á morte se refire está en principal lugar da nosa atención, quizais por considerala preludio do que a nós nos acontecerá máis axiña ou máis tarde.

Coidamos deber inescusable acompañar aos amigos nos momentos da perda dun familiar directo, e a fórmula inclúe visita ao tanatorio, asistencia ao funeral e desprazamento ao cemiterio, onde hai que permanecer ata que unha lousa, vertical ou horizontal, marca barreira entre o reino dos vivos e o dos mortos.

Nalgún momento o trámite tamén inclúe a expresión da dor pola perda sufrida, ben como «acompáñote no sentimento» ou «o meu máis sentido pésame».

O pésame pode tamén formularse por escrito, especialmente se non se puido facer persoalmente, e o que si cómpre sexa de xeito epistolar é o agradecemento dos familiares pola asistencia ás celebracións ou pola testemuña do pésame.

As novas tecnoloxías introducen cambios importantes no comportamento, e polo que se ve tamén neste campo se experimenta a súa acción, xa que observo na sección de esquelas de La Voz a posibilidade de formular as testemuñas de pésame a través do correo electrónico, de xeito que non fai falta a comparecencia persoal, o asinamento no correspondente libro ou a entrega dunha tarxeta de visita.

Polo de agora só o vin en funerarias da provincia da Coruña (Pompas Coruña, Funeraria Apóstolo, Funeraria Génesis Marrosa...), pero entendo que é algo revolucionario e que, aínda que se perda o contacto directo, se consegue o mesmo resultado. ¿Ou non?