Un Nadal de museos

S.Varela

LUGO

A Rede Museística Provincial programa obradoiros e actividades para estas festas e para todas as idades

17 dic 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O Museo presentou onte as actividades de Nadal que a Área de Cultura da Deputación levará a cabo nos catro museos que compoñen a Rede Museística Provincial. O vicepresidente da Deputación, Antón Bao, manifestou que «un dos obxectivos principais era ofrecer unha alternativa á cidadanía lucense nesta época para achegarse aos contidos dos museos que integran a Rede Provincial a través de actividades que combinen a partes iguais unha compoñente lúdica e didáctica». Bao remarcou que «o único xeito de que os museos cumpran a súa función de dinamización cultural e non permanezan como institucións acumuladoras de fondos é deseñar unha variedade de actividades que atraian a persoas de todas as idades».

Pola súa banda, Aurelia Balseiro, directora do Museo de Lugo, abondou na necesidade de crear unha programación específica para estas datas nas que os nenos teñen uns días de lecer e toda a familia pode dispor dun maior tempo para participar en actividades culturais.

Neste sentido, a xerente da Rede Museística, Encarna Lago, explicou máis polo miúdo o conxunto da programación que se vai desenvolver polo Nadal nos catro museos. Lago expuxo que, ademais dos obradoiros para público infantil, as visitas temáticas e as exposicións, o Museo de San Paio de Narla, o do Pazo de Tor e o Museo do Mar de San Cibrao acollerán obradoiros interxeracionais que procuran favorecer o coñecemento e a diversidade entre culturas. A xerente da Rede Museística lembrou que todas as actividades organizadas son gratuítas e que, para favorecer a participación da xente, poranse a disposición medios de transporte desde Lugo a San Paio de Narla e de Monforte a Tor os días que se celebren os obradoiros.