A música galega si é unha potencia

Cristina López

LUGO

Alberto Comesaña, Fernando Luaces, Mercedes Peón e Suso Atanes destacaron onte nunha mesa redonda a importancia de que a música galega non perda a súa identidade

13 dic 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

A música galega encerra un enorme potencial. Esta é unha idea compartida polos catro profesionais que participaron onte en Lugo nunha mesa redonda sobre a música galega, convocados pola Fundación Caixa Galicia para celebrar o seu vinte aniversario. Tanto os cantantes Mercedes Peón e Alberto Comesaña, coma o produtor Fernando Luaces e o mestre de artistas Suso Atanes, e mesmo o músico e divulgador Xurxo Souto, que actuou de moderador, coincidiron en sinalar que a música galega non debe perder a súa base, e incluso así é capaz de triunfar polo mundo adiante.

Cada un dos participantes neste mesa redonda lembrou os seus inicios no mundo da música e como foron evolucionando nos últimos vinte anos. Así, Atanes apuntou que hai dúas décadas había que irse a Barcelona para formarse musicalmente e hoxe aqueles que antes se ían á Cidade Condal vanse a Estados Unidos. Para o director da Escola de Música Estudio, non cabe dúbida de que en canto a educación musical houbo un cambio radical, pero quizais se perdeu improvisación.

Mercedes Peón defendeu que aínda que sexa libre na súa maneira de traballar, non por iso deixa de estar na tradición. Cre, por outra parte, que os artistas galegos poden estar fóra «sen perder a nosa singularidade». En canto á formación musical, pensa que existe unha débeda na didáctica dos nenos pequenos porque non se lles está ensinando a entender os códigos musicais galegos. Tras incidir na «nosa falta de autoestima», esta artista emerxente rematou afirmando que «a xente non ten prexuízos coas linguas minorizadas, o que si existe é unha programación demasiado burocratizada».

O cantante de grupos como Semen Up e Amistades Peligrosas referiuse á época na que era censurado en TVE ou nos 40 Principales, «con un gobierno socialista», estando á frente do primeiro dos grupos citados. Sen embargo, si actuaba na Televisión de Galicia e emisoras como Radio 3 poñían as súas cancións. Recollendo un pouco o apuntado por Peón, Alberto Comesaña dixo que «si de Galicia tiene que salir talento musical tiene que ser sobre la base de la tradición. Si bien es cierto que es muy difícil que una muiñeira se convierta en un 'hit', si queremos triunfar fuera tenemos que aportar algo de aquí».

O último en intervir foi Fernando Luaces, quen se declarou un fan da música, e isto foi o que o levou a crear a produtora Boa Music, coa que «apoiamos un montón de artistas, a maioría galegos». Sobre a situación actual do sector, afirmou que «non é a música a que está en crise, senón o modelo de negocio, debido en gran parte a esa idea tan estendida de que a música e a cultura teñen que ser gratis. Foi ese cambio de modelo o que fixo que se pasase do concepto de 'ter música' ao de 'escoitar música'». Para Luaces, a creatividade non cambiou, pero aos músicos fáltalles quen os apoie.