Prostíbulos

Xulio Xiz

LUGO

10 nov 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Están por todas partes, prestando un servizo que alguén paga. Teñen cores chillonas, luces que atacan á vista, e ostentan nomes que falan de amor, de raíñas, de placer. Como agora está todo regulamentado, haberá un I.A.E. específico para estes establecementos nos que, por traballar con carne, os titulares deberán posuir un carnet de «manipulador», ou documento parello, que os lexisladores están en todo.

En tempos, a xeografía «rosa» ou «verde» do amor de pago circunscribíase á rúa do Miño e aledañas, e algún dos industriais destes establecementos levaba o apelido "das nenas" coa naturalidade de quen nas tarxetas de visita se presentase como froiteiro ou carniceiro. Pero a expansión dinamica do postfranquismo espallou esta industria por todas as estradas do país, e á antiga N-VI dentro do termo do Corgo correspóndelle a dubidosa honra (ben que preocupa no concello) de ser a recta máis «amorosa» da provincia.

A que o tópico considera a profesión máis antiga do mundo permite na nosa sociedade o maior exercizo de fariseismo. E por parte das administracións competentes vai da tolerancia á liberalización, pasando pola asistencia sanitaria e os correspondentes porcentaxes á facenda (que vimos a ser todos), mentras que para o gran público as estridentes cores e as rechamantes luces resultan invisibles para a inmensa maioría, chamámoslles «putiferios» como se a palabra fose un conxuro alonxador, e polas noites gatos de cores imprecisas acudirán, supoño, a proporcionar os ingresos precisos a estas empresas para que poidan subsistir nestes tempos de crise.

Coido que hai unha operación en marcha porque alguén se pasou dous ou tres pobos. Pero a maquinaria segue, seguro, a todo meter.