A cantora Elvira Touzón, que cumprirá cen anos a semana próxima, será homenaxeada no Courel
19 jun 2009 . Actualizado a las 02:00 h.A antiga escola de Santa Eufemia acollerá este domingo -ás 20 horas- unha homenaxe á cantora popular Elvira Touzón, a máis veterá dos colaboradores do Filandón de Músicas do Courel, que cumprirá cen anos o próximo día 24.
No acto entregaraselle á cantora o terceiro volume do libro Músicas do Courel , que culmina un proxecto de recopilación do folclore musical da serra desenvolvido desde hai anos polo coñecido músico Xosé Lois Foxo.
Elvira Touzón, que residiu durante toda a súa vida en Santa Eufemia, continúa cantando na actualidade e, segundo explica Foxo, «ten almacenada na súa memoria unha cantidade moi grande de cantares e melodías tradicionais de diversas épocas. Das cerca de mil composicións musicais recopiladas no tres volumes da serie Músicas do Courel , 136 foron proporcionadas por ela», engade.
A cantora tamén participou en todas as edicións do Filandón de Músicas do Courel que se celebraron ata agora.
O novo volume de Músicas do Courel que será entregado en primicia a Elvira Touzón, aínda tardará un tempo en chegar ao público.
O libro, acompañado de catro discos e un deuvedé, acaba de ser editado co apoio da Consellería de Cultura e recolle cerca de catrocentas pezas que forman parte do repertorio tradicional dos cantores e músicos populares da serra.
Nos discos reprodúcense gravacións realizadas en épocas moi diferentes, desde os anos sesenta ata a actualidade. Con esta terceira entrega, segundo indica Foxo, o proxecto xa pode considerarse terminado.
«Aínda que sempre poden quedar cousas inéditas, penso que xa recopilamos o fundamental da música tradicional courelá e, o que é moi importante, conseguimos reunir un número moi elevado de rexistros sonoros orixinais dos propios músicos que conservaron vivo este patrimonio», afirma a este respecto.