Un último esforzo para homenaxear a Novoneyra

LUGO

A Academia Galega recibiu cerca de 1.200 sinaturas para pedir que dedique o 17 de maio ao poeta do Courel

02 jun 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O grupo de voluntarios que desde o ano pasado promove unha campaña para pedir que o Día das Letras Galegas do 2009 se dedique ao poeta Uxío Novoneyra fixo unha última entrega de sinaturas para apoiar esta solicitude cando está a punto de escollerse o protagonista do próximo 17 de maio.

Sumadas ás que se entregaran anteriormente, a Real Academia Galega recibiu cerca de 1.200 firmas, recollidas principalmente en Internet.

Seguindo o calendario habitual, o próximo pleno da academia celebrarase este mes, nunha data que deberá fixarse previamente nunha reunión prevista para finais desta semana. Este é o primeiro ano en que o nome de Novoneyra estará entre os posibles homenaxeados, de acordo coa norma non escrita que establece un prazo mínimo de dez anos despois do falecemento dun escritor para que se lle dedique esta homenaxe.

Sociedades do exterior

Ademais de numerosos particulares -entre os que figuran escritores e intelectuais de diversos países-, a petición en favor do poeta do Courel foi apoiada por catorce colectivos e institucións, entre os que figuran o Centro Galego de Barcelona e a Sociedade A Nosa Galiza de Xenebra.

A web que recolle estas sinaturas, no enderezo Uxionovoneyra.com, por outro lado, seguiu recibindo numerosas mensaxes de apoio, algunhas das cales enxalzan a figura e a obra do poeta ao tempo que comentan a situación do Courel.

«Aínda que a Administración non se ten distinguido por respeitar aos mortos nen aos vivos: fósiles dende o Precámbrico á actualidade, paisaxes, pregue do Courel, etc., espero que teñamos mais sorte con Novoneyra xa que é literatura e a literatura cando menos a teñen considerado algo para respeitar porque un libro ocupa pouco espacio e pódese gardar nunha estantería.

Ogallá o Courel poidese gardarse nunha estantería», escribe o xeólogo Juan Ramón Vidal Romaní.