PSOE e BNG polemizaron sobre as contas do 2007 en Chantada

LUGO

O pleno do Concello de Chantada celebrado a última hora da tarde do pasado xoves aprobou a liquidación da conta xeral municipal do ano 2007 cos votos a favor do BNG e do PP e coa abstención do PSOE. A discrepancia sobre esta cuestión provocou un intenso debate entre os representantes dos dous grupos políticos do equipo de goberno e deu pé ás críticas do PP, que considera que esta falta de acordo demostra que o Concello se encontra nunha situación de «desgoberno total e absoluto», en palabras da portavoz popular adxunta Susana López Abella.

Os socialistas decidiron absterse na votación por considerar que as contas municipais do 2007 estaban «totalmente infladas» -segundo comentou posteriormente o alcalde Manuel Anxo Taboada- e porque non recollen as facturas que o Concello ten pendentes desde o 2006. «Non asumimos a xestión económica herdada do PP e non queremos facernos cómplices dela», afirmou o rexedor. Taboada dixo tamén a este respecto que o Concello sufrirá «ao menos ata o 2012» un déficit anual de 221.000 euros debido ás facturas do 2006 e do 2007 que están aínda sen pagar. «Nin sequera deixaron aprobada a partida para festa da terceira idade do 2007, que foi pouco antes das eleccións municipais», agregou.

Postura do Bloque

Para os seus socios nacionalistas, a abstención do PSOE «é unha postura que non se acaba de entender», segundo expresou o tenente de alcalde Alfonso Piñeiro. O BNG sinala que foi a propia alcaldía a que levou ao pleno a aprobación das contas do 2007 e considera que renunciar a votar este asunto non é unha posición congruente. «Aprobar esas contas non significa estar de acordo coa xestión económica do PP nese ano, que ademais foi un ano compartido por dous gobernos municipais e ningún está de acordo co que fixo o outro», di Piñeiro a este respecto. «Se se considera que as contas non valen, o máis sensato sería retiralas da orde do día e devolvelas ao servizo de intervención para que se refagan, pero a alcaldía levounas ao pleno e despois decidiu absterse na votación», engade.

O Bloque, aprobou as contaras, continúa o referido concelleiro, «por responsabilidade e congruencia e por considerar que reflicten bastante ben a súa situación económica do Concello. Se a situación é mala, hai que recoñecelo, e iso non significa dar parabéns á xestión económica do anterior alcalde», apunta Piñeiro. «Os números son os que son e que as contas estean ben ou mal non depende de que á hora de facer os gastos e contraer as obrigas se destinen a un ou outro fin», agrega.

Pola súa parte, os populares opinan que este feito, unido ás recentes demisións dos concelleiros socialistas Roberto Iglesias e Araceli Río -cuxas renuncias se formalizaron no mesmo pleno- «é unha mostra máis de que o Concello de Chantada está sen goberno».