A Xunta de Goberno da Deputación aprobou na súa sesión de onte os plans de accesibilidade dos Concellos de Meira e Samos, que foron elaborados dentro do convenio subscrito entre o Imserso, a Fundación ONCE e o organismo provincial. Como sinalou o voceiro do grupo provincial socialista, Antonio Gato, «os problemas de accesibilidade detectados nestes plans afectan sobre todo a barreiras arquitectónicas nos edificios públicos (casas consistoriais, centros de saúde, oficinas de Correos, etc...) e nas vías públicas». Estes dous plans foran adxudicados á Fundación Accesibilidade, por importe de 33.000 euros.
Como subliñou Gato, a través deste convenio xa se elaboraron os plans de accesibilidade dun total de 42 concellos da provincia de Lugo e está previsto que as tres institucións poñan en marcha unha nova fase deste convenio que permita a elaboración dos plans de accesibilidade dos municipios que aínda non os teñen.
Cova do Rei Cintolo
Por outra banda, a Deputación resolveu de mutuo acordo coa empresa adxudicataria o contrato para a rehabilitación do interior da Cova do Rei Cintolo. O voceiro socialista lembrou ao respecto que as xestións realizadas polo organismo provincial co Concello de Mondoñedo e a Federación Galega de Espeleoloxía permitiron desbloquear a reapertura destas covas, situadas no municipio mindoniense, logo de que a devandita federación interpuxese un recurso que obrigou á suspensión das visitas en 2006. O organismo provincial aboará á empresa Extraco, en concepto de indemnización, o equivalente ao tres por cento do prezo de adxudicación, o que supón 11.860 euros. Segundo Gato «unha vez resolto o contrato, serán o Concello de Mondoñedo e a Consellería de Cultura os que acometan proxectos que non sexan impactantes e que permitan que os cidadáns disfruten deste espazo».
A Xunta de Goberno tamén aprobou hoxe a adxudicación definitiva do contrato de subministración de material de oficina para os distintos servizos da Deputación á empresa Prelo por un importe de 92.800 euros.