María José Caride puxo á enxeñería romana como exemplo de calidade, resistencia ao paso do tempo e integración paisaxística, e avogou por aprender dos puntos fortes das súas técnicas á hora de deseñar as obras actuais. A conselleira de Política Territorial participou onte en Lugo no Congreso de obras públicas na cidade romana.
Caride indicou que «hai obras do pasado que chegaron aos nosos días que demostran un respecto ao entorno e unha sensibilidade co medio que hoxe, con máis apoio técnico, pero debido á necesidade de desenvolver rapidamente as infraestruturas, ás veces perdemos». Con respecto ao mantemento no tempo das obras públicas, do que a muralla de Lugo é un dos mellores exemplos, a conselleira indicou que «é necesario fixarse non só no novo, senón conservar o que xa temos, de xeito que as infraestruturas sirvan non só para un breve período de tempo senón tamén para as xeracións futuras».
A conselleira destacou que desde o seu departamento están desenvolvendo un documento estratéxico, como son as Directrices de ordenación do territorio, para proporcionar servizos de calidade aos cidadáns e primar os conceptos de conservación e respecto á hora de tratar o patrimonio cultural e natural.
A clausura do congreso correu a cargo do presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, quen anunciou que a obra pública terá un peso destacado nos presupostos do organismo provincial do ano que vén. O máximo responsable provincial destacou o grande nivel técnico das obras públicas dos romanos que, en moitos casos, son utilizadas vinte séculos despois. «Sen ir máis lonxe, moitas das estradas actuais da nosa provincia seguen trazados de antigas vías romanas».
A futura Escola de Obras Públicas do campus de Lugo foi outro dos asuntos destacados por José Ramón Gómez Besteiro, xa que a Deputación investirá máis de dous millóns de euros neste edificio que se vai construír en terreos de titularidade provincial e cun proxecto que están redactando técnicos do organismo provincial.