«A verdadeira poesía é a que transmite sentimentos»

LUGO

Nada en Román, tenta coñecer o pasado para moverse mellor no presente e crear unha voz que anda a procurar no futuro

17 oct 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A Luz Airado Bello gústalle ir recoller cogumelos por zonas de Román, a súa parroquia natal, que coñece polos seus avós e que prefire manter case en segredo. Este ano, ademais, vén de gañar o Premio Díaz Jácome de poesía, convocado polo Concello de Mondoñedo para novos creadores. O premio pode semellar tamén unha planta xurdida no medio do outono: «Véndoo así, está ben», di.

É de Román, terra coñecida polo labor dos seus canteiros. ¿Non traballa o poeta coas palabras como o canteiro coa pedra? ¿Non é a súa, xa que logo, unha sabedoría semellante á dos que construíron cruces, cristos e cruceiros por toda a Terra Chá? «Non o diría eu tan claramente», comenta, convencida de que «traballar unha pedra e deixala como a deixan os canteiros de Román require unha experiencia».

-¿Cre que ten conseguido xa unha voz propia como poeta?

-Creo que a estou a buscar. De feito, o poemario co que gañei [refírese ao Premio Díaz Jácome], Como escribir , é unha reflexión sobre o lugar ao que quero chegar. Quero escribir cun coñecemento profundo do que somos. Eu son de aquí, son da Terra Chá e estarei marcada por iso. Co tempo tamén me gustaría ver máis; pero por agora quero ser o que somos os de aquí, o que temos.

-Sen renunciar a ese pasado, ¿non sente en certo xeito a necesidade da ruptura?

-Estás falando con xente maior, e eo mellor che di unha palabra enxebre, nun galego puro que xa non se coñece. Ti pregúntaslle o que significa, e eles dinche que está mal dita e dincha en castelán. As palabras nosas son nosas. Ademais hai palabras fermosísimas. ¿Por que non pra ou ialma?

-¿Ten presenza a Terra Chá na súa obra dalgún xeito?

-Ao mellor o tema é ese, dende as sensacións máis mornas ata as máis vigorosas. Coa escrita quero reflectir o que sinto, coas palabras da xente maior. A miña poesía non é filosófica. Quero que transmita reflexións e sentimentos: esa é a verdadeira poesía. A verdadeira poesía é a que nace dos impulsos máis sinceros.

-¿Quen inflúe en vostede á hora de escribir, sexan escritores ou cantantes de rock?

-Dende os comezos, Rosalía de Castro. Cando fun medrando, Sabina e Serrat foron influíndome. Agora, máis recentemente, Luz Pozo Garza, Cesáreo Sánchez Iglesias ou Emma Pedreira. Ten un poemario, As cinzas adentras , que é precioso: cómo está estructurado, cómo o transmite...

-Estudou a carreira de Dereito. ¿Acompáñaa sempre a poesía?

-Sí. Ás veces é unha necesidade. Tamén é unha forma de coñecerte a ti mesmo.