O programa Initia recibiu unha mención de honra no concurso Ciencia en acción

La Voz

LUGO

O programa Initia foi premiado a pasada fin de semana cunha mención de honra na modalidade Ciencia e Tecnoloxía do concurso internacional Ciencia en acción, que organizan, entre outras institucións, o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) e a Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED).

Promover o interese pola actividade científica entre o alumnado de Secundaria e Bacharelato é o obxectivo do programa Initia, que botou a andar no campus de Lugo o pasado mes de febreiro, promovido pola sección ibérica da sociedade científica Sigma XI en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela e a Consellería de Educación.

Os participantes nesta iniciativa son alumnos de cuarto da ESO e primeiro e segundo de BAC de catro institutos da capital: Ánxel Fole, A Piringalla, Politécnico e Lucus Augusti. En canto aos centros do campus lugués implicados neste proxecto son a Facultade de Veterinaria, a de Ciencias, a Escola Politécnica Superior e a de Formación do Profesorado. Un grupo de nove profesores destes centros son os que exercen de titores dos alumnos na realización das actividades de investigación.

Urbano Fra, coordinador do programa Initia, foi o encargado de recoller o premio outorgado o pasado domingo no Museo da Ciencia de Valladolid.