Expertos chegados de países como China, Xapón ou Ucraína participan no Congreso Internacional sobre a Xestión Turística dos Monumentos e das Cidades Patrimonio da Humanidade que organiza o Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (Idega), da USC, e que ata o xoves acolle o Círculo das Artes de Lugo. O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco , subliñou a importancia do seminario «non só polo coñecemento das experiencias de promoción turística doutras cidades cun rico patrimonio, senón tamén porque permitirá acadar unha repercusión internacional e un recoñecemento das calidades que avalan a oferta turística galega». Promocionar un turismo sustentable. No acto de inauguración, a vicerreitora adxunta de Infraestruturas e Servizos da Universidade de Santiago de Compostela, Celia Besteiro , xunto coa vicepresidenta terceira da Deputación de Lugo, María Xosé Vega , coincidiron en destacar a importancia que ten o curso «polo que representa para Lugo». Deste xeito, ademais de compartir experiencias, a finalidade do congreso é crear redes institucionais para reforzar a posición das cidades Patrimonio da Humanidade e promocionar un turismo urbano sustentable. Experiencias de Florencia, Kyoto, Riga, Belén, Lviv, Angkor, Córdoba, Macao, Santiago de Compostela. Deste xeito, destinos de primeira orde internacional como Florencia, Kyoto (Xapón), Riga (en Letonia), Belén, Lviv (Ucraína), Angkor (Camboia), Córdoba, Macao (China) ou Santiago de Compostela serán analizados no curso que dirixe o profesor da USC Miguel Pazós Otón . Na primeira xornada, o secretario da Liga de Cidades Históricas do Mundo, o xaponés Hisazaku Takagi ofreceu unha visión xeral que completaron: Juan Luis Dalda , da Universidade de A Coruña, quen falou da recuperación urbana de Santiago; o chino Honggang Xu , da Universidade de Sun Yat-Sen, quen expuxo o caso de Lijiang; e o ucraíno Vasyl Kosiv , de Lviv.