A Facultade de Medicina é un dos buques insignias da USC. Calquera nova que xurda en torno a este centro xera interese, como o feito de que 100 dos 350 matriculados de primeiro curso sexan estranxeiros.
-¿Que ocorrerá cando volvan ao seu país e fagan falla médicos en Galicia?
-Agora hai unha matrícula non pechada onde hai 100 estranxeiros que están dentro dos 350 aceptados. Isto non é novo, en anos pasados o número de estudantes de fora quizais foi un pouco inferior, porque hai que pensar que a oferta pasou de 260 a 350, pero a experiencia de anos atrás é que a medida que avanzamos nos primeiros días de curso hai unha baixa importante de estudantes que se recolocan no seu país de orixe. É moi probable que o número de estranxeiros estea por debaixo de 50 ao final. Aínda así, poderiamos pensar que é excesivo porque fan falla médicos e perdemos un capital humano se volven ao seu país. Pero España é o sétimo país do mundo exportando titulados en Medicina e hai que pensar se ese non é un capital profesional que teriamos que fixar aquí. É máis, sabemos que en Portugal son centos os titulados galegos que exercen alí. Entón a falla de médicos ten que ser abordada desde distintas direccións, aumentar as prazas si, pero se o sistema non os fixa podemos estar seguindo alimentando a emigración.
-¿Atopa algunha xustificación a que A Coruña demande unha Facultade de Medicina?
-A día de hoxe non son consciente de que a Universidade de A Coruña demande unha Facultade de Medicina, de feito diría que non o está a facer. Foi unha demanda con moita intensidade no pasado, e chegou a ser unha reivindicación da Universidade e do seu goberno en tempos de Meilán, pero hoxe son conscientes de que as universidades non temos que pelexarnos por ter titulacións máis ou menos prestixiosas. O actual goberno da Universidade de A Coruña é consciente de que temos que mellorar a nosa oferta constantemente e poñernos ao servizo da sociedade, para ver en que ámbitos podemos atender unha formación que aínda está desatendida.
-Unha das novas medidas da USC pretende evitar que os alumnos se matriculen de moitas materias e logo non se presenten, ¿ata o de agora había pouca rixidez?
-Forma parte dos criterios de permanencia e de requisitos mínimos para que poidan continuar os seus estudos. Os criterios de avaliación deben de servir para que o alumno non se disperse, e dimensione o curso académico dun modo máis razoable dacordo coas súas posibilidades, xa que nos van avaliar tamén en función das taxas de fracaso e de rendemento académico. Non so hai que ser mellores profesores senón ter unha mellor organización académica. Estamos como nunca poñendo «patas arriba» a universidade, e espero que para ben.