Amigos da infancia do autor, como Jorge Piteira, Tito Pardo Ramil ou Pepín Hinojo están entre os personaxes desta obra, na que tamén se fala da tertulia do Méndez Núñez
31 jul 2008 . Actualizado a las 02:00 h.A cidade na que Emilio Alonso viviu dende os dous ata os 17 anos, na que tivo os seus primeiros amores e desamores, na que aínda conserva grandísimos amigos e na que non lle importaría volver residir un par de anos ou tres é escenario de Mercurio , a novela por entregas da que os lectores de La Voz de Galicia poderán disfrutar dende mañá.
-¿Que ten Lugo para ser elixida para ambientar a súa novela?
-As cousas que conto nesta novela poden suceder en calquera lugar do mundo; pero, posto a escribir dixen, por que inventar unha cidade ou uns nomes para os personaxes se podo utilizar un sitio que quero, que boto de menos e que sinto nostalxia por el. Para min isto é unha homenaxe ás miñas añoranzas de Lugo.
-¿Que Lugo se vai encontrar o lector na súa obra?
-A novela está ambientada na actualidade, pero o aspecto social e moral no que se moven os personaxes é o dos anos 60-70, con certos convencionalismos e peculiaridades que xa non hai. A narración é ademais bastante irreal, porque aparecen sitios que xa non existen. Hai outros que aparecen tal como eran na miña infancia. É o caso do hotel Méndez Núñez, onde se aloxa o protagonista da historia, do que eu digo que ten restaurante e cafetería, cando hai moitísimos anos que xa non os ten. Outro exemplo é o sanatorio Alonso Pimentel, que na realidade xa non existe, pero si na miña novela.
-¿Que momentos, que personaxes ou que recunchos do Lugo no que vostede viviu aparecen en Mercurio?
-As anécdotas que conto que ocorren no Círculo das Artes, no parque Rosalía ou no vello cemiterio San Froilán, son anécdotas que me ocorreron a min ou aos meus amigos. Na redacción inicial da novela, todos os personaxes levaban nomes de amigos meus, pero como a xente podía mal interpretar as cousas, cambieille o nome aos personaxes que fan de malos e que levaban o nome dalgún amigo meu. Aos que teñen un papel de bos, conserveilles o nome, aínda que a algún cambieille de oficio. Na novela aparece como neurólogo o meu gran amigo da infancia, Jorge Piteira, que en realidade é un prestixioso odontólogo. No caso de Tito Pardo Ramil, de Almacenes Ramil, si que aparece como o que é. Tamén metín na obra para renderlle homenaxe a Pepín Hinojo, que foi mancebo de botica na farmacia Pedrosa da praza de San Marcos, ademais do meu profesor de guitarra. Outro gran amigo que aparece, aínda que este por desgraza xa morreu, é Xosé Ramón Puentes Chao, que foi compañeiro meu no instituto e que cando morreu exercía de forense en Mondoñedo. Por iso eu resucítoo converténdoo no forense que aparece nesta historia.
-¿Fala tamén na novela de cousas que sucederon en Lugo na súa infancia e adolescencia?
-Por suposto. Na novela hai moita pincelada histórica e moitas referencias a cousas que vivín e que me contaron que pasaran, aínda que eu non me enteraba porque era neno. Menciono por exemplo a tertulia da cafetería do hotel Méndez Núñez, coñecida como «la tertulia de los rojos», á que asistían persoas con certas inquedanzas intelectuais, pero que, ao mellor, nin sequera eran de esquerdas. Falo tamén da cafetería Madrid, que entre os adultos era chamada o mercado persa, porque na súa cristaleira poñíanse as solteironas de Lugo coa esperanza de que alguén as mirase e as levase ao altar. Polo demais, na historia que conto hai amor, hai desamor, hai corrupción, hai terrorismo..., todos temas moi actuais.
-¿Os lugueses que lean a súa novela verán reflectida nela a súa cidade?
-Nalgúns aspectos si, porque eu sigo falando da praza Maior como centro de encontro, da Muralla ou da rúa dos viños. Non obstante, desexo que o ambiente moral que conto que existía daquela xa non exista agora, porque nos meus tempos Lugo era unha cidade moi carca, moi conservadora. En todo caso, esta é unha urbe que aínda conserva certo encanto de cidade pequena.