Veciños de Guitiriz, Begonte e Curtis participaron nun encontro do programa Concellos saudables

C. López

LUGO

16 jul 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O club de golf do balneario de Guitiriz acolleu onte un encontro de persoas deste concello e dos de Begonte e Curtis, que integran entre os tres un dos grupos que forma parte do programa Concellos Saudables, promovido pola Dirección Xeral de Saúde Pública.

Como un dos obxectivos deste programa é o fomento dos hábitos saudables e a promoción do deporte, as persoas de todas as idades que acudiron a este encontro puideron practicar actividades físicas nun entorno privilexiado, contando para elo co asesoramento e a axuda de profesionais.

A iniciativa da que forman parte estes tres concellos leva por nome «Guitiriz, Begonte, Curtis: Saúde no Camiño Norte». Con ámbitos de actuación no terreo da actividade física, a alimentación e a saúde, as actividades previstas desenvolveranse nos tres municipios citados, abarcando desde colexios ata centros de saúde, pasando por restaurantes ou centros de día, coa finalidade de chegar ao maior número de persoas posible.

No caso do concello de Guitiriz, algunhas das actividades que figuran na programación son os cursos de natación, un taller no que se ensinan exercicios para previr dores e lesións nas costas e paseos e rutas de sendeirismo. A estas actividades habería que sumar as programadas en Begonte e en Curtis. Así, no primeiro destes concellos tería lugar un descenso polo río, en tanto que no de Curtis está prevista unha xornada dedicada aos xogos populares.

Os veciños de cada un destes concellos poden participar nas actividades que se celebran nos outros.